CRTVG

Buscar

Apuran a empresarios e sindicatos coa última oportunidade para pactar a suba do salario mínimo

Publicado o 06/09/2021 11:33

O Ministerio de Traballo e os axentes sociais volven reunirse para tratar de pactar a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) de 2021. É a reunión "definitiva" sobre este asunto, pois a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social Yolanda Díaz xa dixo que a decisión do Goberno sobre canto subirá o SMI este ano tomarase tras este encontro e aplicarase "rapidamente"

Haxa ou non acordo cos axentes sociais, Díaz asegurou que haberá suba do SMI, xa que é "a ferramenta máis eficaz para combater a pobreza". Actualmente o SMI atópase en 950 euros mensuais por catorce pagas e a intención do Goberno é subilo para o que queda de ano entre 12 e 19 euros ao mes, que supoñería un incremento en valores relativos de entre o 1,2 % e o 2 %.

A vicepresidenta do Goberno e ministra de Traballo Yolanda Díaz fixo este luns un chamamento aos axentes sociais para que cerren un acordo sobre a subida do salario mínimo interprofesional (SMI), que non levará ao Consello de Ministros de mañá, pero que si se vai adoptar "con carácter inmediato".

"Non vai ir ao Consello de Ministros de mañá, aínda que todos os trámites legais están preparados para que isto sexa así", afirmou a vicepresidenta tras recoñecer que, aínda que a decisión sobre o incremento do SMI lle compete ao Goberno, teimou en transformar o foro en que sentan sindicatos, patronal e Ministerio de Traballo nunha mesa de diálogo social en que todos poidan opinar.

Os sindicatos aseguraron que se lles expuxo na reunión que mantiveron as partes o pasado luns un aumento de 15 euros este ano e de 31 euros tanto en 2022 como en 2023. De cumprírense esas contías, o SMI alcanzaría os 965 euros mensuais este ano, os 996 euros ao mes en 2022 e chegaría en 2023, a final de lexislatura, a 1.027 euros mensuais.   

A pesar de que o Goberno non ten a obriga de pactar a suba do SMI con sindicatos e empresarios, só a de consultarlles, a ministra Díaz quere lograr un novo acordo do diálogo social.

Con todo, esta vez parece difícil ante o rexeitamento da CEOE a subir agora o SMI, cando as empresas aínda están a tentar saír da crise.

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, advertiu de que aumentar neste momento esta renda mínima podería prexudicar o emprego, elevar a economía somerxida e afectar negativamente os sectores en que máis se utiliza o SMI: o campo e o do servizo doméstico. Aínda que a patronal se opón a subir o SMI en 2021, mostrouse "aberta" a analizar o escenario desta renda para 2022 e 2023.

De momento, os sindicatos consideran insuficiente a formulación que lles trasladou Traballo. O vicesecretario xeral de Política Sindical de UXT Mariano Hoya considera que polo menos debería aplicarse este ano unha alza de 25 euros, unha suba que ven moderada, sensata e prudente e que se axusta á situación real da economía.   

Para Mariano Hoya, é o momento de "dar seguridade e estabilidade" ás empresas e traballadores cun acordo que vaia ata 2023 e que sitúe o SMI no 60 % do salario medio en España.

"O Goberno ten que ser máis valente e subir máis o SMI dunha maneira suficiente e digna", dixo tras a reunión do luns pasado.   

Pola súa banda, a secretaria de Acción Sindical de CCOO Mari Cruz Vicente advertiu de que a proposta do Goberno non garante o mantemento do poder adquisitivo en 2021 e espera que isto mellore no encontro deste luns.

Calviño di que a suba ten que ser "relativamente limitada"

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos Nadia Calviño considera que os bos datos de emprego permiten expor a recuperación da senda alcista do salario mínimo interprofesional (SMI), aínda que dixo que a suba para o que queda de 2021 ten que ser relativamente limitada.

"Estamos a expornos a un aumento relativamente limitado e imos ver se os axentes sociais chegan a un acordo sobre esta cuestión para que poidamos canto antes abordar esa subida para 2021", dixo a vicepresidenta en declaracións a TVE horas antes desa nova reunión que este luns manterá o Ministerio de Traballo con patronal e sindicatos.

"Temos que movernos nos parámetros do consello consultivo, pero con marxe", afirmou en referencia á pinza de 12 a 19 euros recomendada polos expertos.

Sobre estas afirmacións, evitou pronunciarse a ministra de Traballo e tamén vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz e limitouse a pedir "respecto para os axentes sociais", que están a traballar co informe elaborado polo comité de expertos.

Noticias web

06/09/2021