CRTVG

Buscar

Apupos a Sánchez e berros de "dimisión" no desfile militar do 12 de outubro

Publicado o 12/10/2021 14:51

O doce de outubro volveu celebrarse no paseo da Castellana, con aplausos e vivas ao Rei e sonoros apupos ao presidente do Goberno e peticións da súa dimisión.

Na cerimonia participaron as altas autoridades do Estado. Tamén os membros do executivo, incluídos os ministros de Podemos. Si faltaron dous: a titular de Industria, que está no estranxeiro, e o de Universidades, por razóns de saúde. Tamén houbo presenza de líderes políticos como Pablo Casado ou Santiago Abascal e de presidentes autonómicos. Ausentes, como é habitual, o catalán e o vasco. Tampouco puideron asistir, por cuestións de axenda, o galego Núñez Feijóo e o manchego García-Page.

E outra ausencia destacada, a da princesa Leonor. Quedou no internado de Gales onde estuda. Explican na Casa Real que viaxar a España obrigaríaa a gardar cinco días de corentena á volta. Así que, este foi o primeiro acto oficial da infanta Sofía sen a súa irmá maior.

Este ano tamén volveu o público, aínda que limitado, ao desfile das forzas armadas. E os protagonistas da xornada, as forzas armadas, con menos representantes que antes da pandemia. Desfilaron, aínda así, máis de 2.600 efectivos, 115 vehículos e 68 aeronaves, e a patrulla Águila volveu debuxar no ceo de Madrid a bandeira de España.

Tamén se volveu recuperar a tradicional recepción no Pazo Real, onde os monarcas saudaron unhas 200 personalidades. Suprimiuse, iso si, o cóctel habitual e, por extensións, as charlas entre os asistentes. Si se pronunciaron nas redes. O presidente Sánchez exaltou a diversidade de España, e líder da oposición Pablo Casado defendendo o Día da Hispanidade fronte á falsa lenda negra contra a Historia de España, escribiu.

Noticias web

12/10/2021