CRTVG

Buscar

Aproban o confinamento en Inglaterra e entra en vigor o toque de queda en Italia

Publicado o 04/11/2020 21:55
Aproban o confinamento en Inglaterra e entra en vigor o toque de queda en Italia

Os casos e as mortes pola covid-19 dispáranse hoxe en gran parte de Europa, un continente que busca blindarse con toques de queda, como en Italia, ou o confinamento de toda Inglaterra, en plena segunda onda de coronavirus. E é que as cifras non deixan de crecer: o Reino Unido rexistrou rexistrou nas últimas horas o maior número de falecidos desde maio (492, ata achegarse a 48.000) e máis de 25.000 contaxios, Italia supera de novo os 30.000 positivos nun día, Austria e Hungría anótanse cotas máximas de casos e Portugal e Romanía baten o triste récord de defuncións e infeccións nunha xornada. España notificou este mércores 25.042 novos casos nas últimas 24 horas, e actualizou as súas cifras de mortos desde marzo con 1.623 falecementos máis.

Confinamento en Inglaterra

Ante uns datos á alza que deixan o Reino Unido rozando os 1,1 millóns de casos desde o inicio da pandemia, o Parlamento británico aprobou o confinamento de Inglaterra desde esta medianoite ata polo menos o 2 de decembro, co apoio tanto do gobernante Partido Conservador como do opositor Laborista. Os cidadáns deberán quedar na casa salvo por motivos concretos (entre os que se inclúe, ademais de ir ao médico ou coidar maiores, o exercicio ao aire libre) e durante catro semanas estarán pechados establecementos non esenciais (tendas de roupa, ximnasios e barberías) e os bares que non ofrezan comida para levar, mentres que os colexios permanecerán abertos.

O Goberno británico é consciente do "significativo" impacto económico das restricións e xa anunciou hai uns días que amplía todo este mes o plan polo que os traballadores de compañías obrigadas a pechar durante o confinamento recibirán o 80 % do seu salario ata un máximo de 2.500 libras (2.775 euros).

Toque de queda en Italia

En Italia, desde mañá rexerá o toque de queda nacional a partir das dez da noite e ata as 5.00 hora local, para tentar frear a segunda onda do coronavirus nun país en que, desde que comezou a pandemia, houbo máis de 790.000 contaxios e máis de 39.000 mortes (352 no último día, o segundo peor dato desde maio).

As novas medidas, que estarán en vigor ata o 4 de decembro e que inclúen o peche de cines, teatros, ximnasios, piscinas, salas de concertos, museos, exposicións e recreativos, divide ademais Italia en tres zonas en función do risco de contaxio que presentan e nelas haberá restricións máis ou menos severas.

Tamén Polonia anunciou máis medidas ante o récord de novos casos (case 24.700 e 373 falecementos nas últimas horas) e desde o vindeiro sábado pecharanse museos, galerías de arte, cinemas e teatros e restrinxirase a hostalería. A iso súmase un maior distanciamento en tendas e o peche daquelas que se atopen en centros comerciais, fóra das de alimentación, farmacias e droguerías. Así mesmo, desde o sábado e ata o 29 de novembro, en Lituania ampliaranse as restricións con cinemas, teatros, museos, ximnasios e piscinas clausurados e só permitirase a restaurantes dar servizo ao exterior, mentres que de momento garderías e escolas primarias continuarán abertas. 

Mentres tanto, Grecia prepárase para adoptar mañá máis medidas, ao bater hoxe o récord de casos de covid-19 (máis de 2.600, ata rozar os 47.000) e rexistrar a peor xornada desde que comezou a pandemia fai oito meses.

Pola súa banda, Austria -con novos máximos de covid en 24 horas e o sistema hospitalario ao límite da súa capacidade- impuxo o martes un novo confinamento parcial co peche das actividades de lecer, incluídos bares e restaurantes, e un toque de queda entre as 20:00 e as 6:00 horas. En Hungría tamén se rexistrou un máximo de mortes diarias e o martes o Goberno anunciou novas restricións, que inclúen a limitación de movemento entre a medianoite e as 5:00 e o peche das discotecas.

 

 

Noticias web

04/11/2020