CRTVG

Buscar

Aprobada a terceira dose para anciáns de residencias e persoas con cancro

Publicado o 16/09/2021 16:44
EFE

A Comisión de Saúde Pública aprobou este xoves a administración inmediata da terceira dose da vacina contra a covid a maiores en residencias e ampliou o grupo de pacientes con patoloxías de alto risco que tamén poderán completar a súa inmunización con esta dose adicional.

Segundo informou o Ministerio de Sanidade, aprobouse, como estaba previsto, unha terceira dose (de Pfizer ou Moderna) en pacientes en hemodiálise ou diálise peritoneal, en tratamento por cancro, maiores de 40 anos con síndrome de Down e pacientes con enfermidade oncohematolóxica en tratamento de quimioterapia ou radioterapia.

Tamén se atopan no Grupo 7 e beneficiaranse desta dose adicional as persoas que padezan cancro de órgano sólido en tratamento con quimioterapia, cancro de pulmón en tratamento de quimioterapia ou inmunoterapia e patoloxías de base que requiran de tratamento inmunosupresor. Estes pacientes súmanse aos receptores de transplante de proxenitores hematopoéticos, persoas con transplante de órganos sólidos e pacientes en tratamento con fármacos anticovid, con autorización a recibir a terceira dose desde o pasado 7 de setembro.

A aprobación dunha terceira dose para maiores institucionalizados de maneira inmediata acelera a iniciativa do Ministerio de Sanidade que onte, co consenso das comunidades, lanzou a proposta de empezar a inocular a dose adicional a partir do 4 de outubro. Segundo Sanidade, a vacinación de persoas maiores institucionalizadas débese ao seu perfil de "fraxilidade, pluripatologxía e contornas pechadas".

A Comisión de Saúde Pública, na que se atopan representadas as comunidades e o Ministerio de Sanidade, segue desta maneira as recomendacións do Relatorio de Vacinas, que está a analizar diferentes propostas para ampliar os grupos aos que fornecer outra dose adicional contra a covid. O Relatorio de Vacinas tamén trasladou á Comisión que a principal recomendación neste momento é vacinar a todas as persoas maiores de 12 anos que aínda non o están. 

Noticias web

16/09/2021