CRTVG

Buscar

Aplicacións do teléfono imprescindibles para aproveitar as vacacións de verán

Publicado o 03/08/2019 17:40

As aplicacións do teléfono móbil estanse a converter nunha ferramenta imprescindible para moita xente tamén durante as vacacións de verán. As descargas máis habituais á hora de planificar unha viaxe son as relacionadas co tempo, o estado da rede viaria, os mapas ou as opcións de ocio.

Hai quen viaxa á aventura ou baixo un estricto organigrama calculado ao milímetro. Con maletas de vinte quilos ou pequenas mochilas só co indispensable. As alternativas son tan variadas como as aplicacións que se poden descargar no móbil para planificar unhas vacacións. Máis no verán, cales son as de referencia?

Segundo Marcus Fernández, Webmaster de Código Cero, as meteorolóxicas son as de referencia porque durante as vacacións todo o mundo está pendente do tempo. No apartado de información práctica destacan tamén as aplicacións de tráfico, hostalería ou medios de transporte. Pero hai unha que supera ao resto amplamente: Google Maps.

Se falamos de ocio, o abano de aplicacións semella non ter fin. Hainas exclusivas de festivais, visitas guiadas, roteiros, aventura, praias recónditas ou mesmo furanchos. Marcus Fernández salienta o éxito que, dende hai sete anos, ten a aplicación das orquestras de Galicia que indica onde tocan.

Unha aplicación imprescindible para o público afeccionado ás orquestras que, nas vindeiras semanas, van ter festa en Galicia día si e día tamén.

Noticias web

03/08/2019