CRTVG

Buscar

Apple alcanza un rexistro histórico cunha capitalización en bolsa de 2 billóns de dólares

Publicado o 19/08/2020 18:05
Apple alcanza un rexistro histórico cunha capitalización en bolsa de 2 billóns de dólares

O xigante tecnolóxico Apple converteuse este mércores na primeira empresa estadounidense en alcanzar os dous billóns de dólares de valor en bolsa, unha cifra que supón case o dobre do produto interior bruto (PIB) de España.

Apple, que practicamente duplicou a súa capitalización bolsista en apenas dous anos, é a compañía cotizada máis valiosa do mundo e agora a segunda en alcanzar un valor de mercado de dous billóns de dólares tras a petroleira estatal saudita Saudi Aramco, que o conseguiu despois da súa saída a bolsa en 2019, aínda que xa perdeu esa cota.

As accións da firma dirixida por Tim Cook situáronse en 467,77 dólares pouco antes das 11 da mañá locais na Bolsa de Nova York e marcaron ese rexistro histórico, aínda que o mercado segue aberto e pode pechar por baixo.