CRTVG

Buscar

Apedran os coches da Policía Local de Vigo tras as protestas de apoio a Hasél

Publicado o 17/02/2021 23:57

• Non houbo incidentes no resto das cidades galegas

Apedran os coches da Policía Local de Vigo tras as protestas de apoio a Hasél

Un grupo de persoas que participara nunha concentración en apoio ao rapero Pablo Hasél en Vigo protagonizou un incidente ao termo do acto, cando se dirixiron cara á rúa Venezuela e lanzaron pedras a coches da Policía Local. Segundo informaron fontes policiais, os disturbios tiveron lugar despois da concentración, que fora convocada para as 20:00 horas fronte ao museo Marco, na rúa do Príncipe, en que participaron varias decenas de persoas. Algúns dos participantes desprazáronse polas rúas do centro da cidade envorcando colectores e gritando consignas contra a Policía.

O altercado máis grave produciuse na rúa Venezuela, cando algunhas persoas lanzaron pedras sobre dous vehículos do 092 e ocasionaron danos nos cristais. Axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP) da Comisaría viguesa acudiron á zona para auxiliar os axentes da Policía Local e para disolver os manifestantes. Fontes policiais sinalaron que, polo momento, non se produciron detencións.

Ademais da concentración de Vigo, outras cidades galegas acolleron actos de apoio a Pablo Hasél, detido en Lleida este martes. Así, houbo manifestacións en Santiago, A Coruña ou Pontevedra, onde os participantes reclamaron a "amnistía" para Hasel e non se rexistraron incidentes.