CRTVG

Buscar

Aparecen letreiros artesanais por todo Guitiriz cuxa autoría é un misterio

Publicado o 22/09/2020 14:17

As entradas ás dezaoito parroquias de Guitiriz, coma esta de Parga, son algúns dos lugares onde foron colocadas varias ducias de letreiros artesanais dos que se descoñece a autoría. A maioría están feitos de lousa pintada, aínda que tamén os hai de madeira, como é o caso do sinal instalado onda unha estatua que conmemora o 40 aniversario do festival de Pardiñas.

Alfonso Blanco Torrado, coordinador da Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz: "En varios recantos do concello, e con diversos materiais, foron aparecendo distintos indicadores, coma este de Pardiñas, en lousa, en madeira...".

"En cada aldea case, case, hai un. Ou dous. Hai sitios que están á entrada e á saída das aldeas. Onde hai un cartel nun poste vertical teñen posto un destes, en lousa, en pedra... En cada sitio hai un diferente", conta un veciño.

Nalgúns dos lugares máis representativos do concello de Guitiriz tamén se instalaron estes misteriosos letreiros, como ocorreu na área recreativa de Sete Muíños ou na Cova da Serpe. En canto á súa autoría, trátase dun segredo tan ben gardado que ninguén di saber cal podería ser a súa identidade.

Alfonso Blanco Torrado, coordinador da Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz: "É un pouco un misterio. Un misterio en que están a mergullarnos estas semanas. Preguntámonos, pois eu mesmo recibín varias preguntas, e estamos todos ollandos aos ollos, preguntándonos quen será a autora ou o autor. O que si, hai que agradecerlle que tivese esta idea e, sobre todo, que tivese esa actitude de saber compartir con todos nós e, dese xeito, embelecer os nosos camiños".
"Un misterio. É un misterio que existe por aquí. Non sei exactamente por que o fixeron".

Fose quen fose o autor dos letreiros, os veciños de Guitiriz recoñecen que se trata dun traballo inxente que tivo que ser realizado durante meses.

Noticias web

22/09/2020