CRTVG

Buscar

Descartan unha morte violenta no caso do cadáver momificado achado nunha casa de Moaña

Publicado o 10/03/2021 21:30

En Moaña, investigan a aparición dun cadáver momificado nunha casa da parroquia de Meira. O achado produciuse a pasada tarde nunha casa do barrio de Isamil.

Actualmente as casas semellan deshabitadas, pero hai uns anos esas vivendas tiñan inquilinos: a propietaria alugáralle a casa a unha familia. Pero esa familia presuntamente deixou de pagar o alugueiro, xeráronse unha serie de conflitos legais e finalmente o asunto rematou no xulgado.

A casa estivo pechada durante dous anos e, nese tempo, a dona da propiedade non entrou na vivenda polo procedemento xudicial. Ata onte, que a dona entrou e atopou o corpo sen vida dunha persoa. Os investigadores aseguran que o cadáver está moi deteriorado e, 24 horas despois, non dan sabido se é o dun home ou o dunha muller.

Podería levar meses dentro da vivenda e atopárono case momificado. De momento, o que transcendeu da autopsia é que a morte non foi violenta, podería ser unha morte natural. O corpo está no Instituto Anatómico Forense de Pontevedra

Axentes da Garda Civil custodian a vivenda de Meira onde apareceu o cadáver nas últimas horas. A casa, alugada dende hai tempo, permanecía pechada por un litixio nos xulgados. Foi a dona da vivenda a que atopou o cadáver cando por fin puido entrar. Pensa que esa persoa debe levar tempo morta porque asegura que o corpo está momificado. A dona da casa afirma que entrou para poder limpar despois de dous anos agardando a orde do xuíz: "Ocorreuseme empezar a limpar no baño e foi o que atopei, o morto ou a morta, non sei".

A dona da casa cre que podería ser unha persoa maior. Pero polo de agora non se sabe se tiña relación cos anteriores inquilinos ou se puido ser calquera outra persoa que entrou na casa.

O corpo trasladouse ao Instituto Anatómico Forense de Pontevedra para facerlle a autopsia. Ademais dos resultados que poida achegar, a Garda Civil busca dentro da casa pistas que aclaren a identidade do falecido e as circunstancias da morte.

Noticias web

10/03/2021