CRTVG

Buscar

Cobra forza a hipótese de que o pai de Anna e Olivia matou as nenas e suicidouse

Publicado o 11/06/2021 15:12

• O buque oceanográfico Ángeles Alvariño tenta localizar a outra nena

O movemento feminista convoca concentracións ás 22:00 horas

EFE

Os investigadores barallan varias hipóteses, pero cobra forza a idea de que o pai asasinou as nenas e despois suicidouse. Cren que as puido drogar antes do crime, algo que terá que confirmar a autopsia. Con todo, agora os equipos de rescate centran os esforzos en encontrar a pequena Anna, de tan só un ano, e tamén o pai. As redes sociais inúndanse de mensaxes de cariño á nai das nenas, que nunca creu que a súa exparella fose capaz de facer algo así. 

Confirmáronse as peores sospeitas e, aínda que faltan probas forenses que o confirmen, o Tribunal Superior de Xustiza de Canarias informou que "practicamente con toda seguridade" o corpo sen vida atopado polo robot de busca do buque do Instituto Oceanográfico Español corresponde á maior das irmás, Olivia, de seis anos, que levaba desaparecida canda a súa irmá Anna, dun ano, desde o 27 de abril. O corpo de Olivia estaba nunha bolsa de deporte, a uns mil metros de profundidade e a unhas tres millas da costa tinerfeña. Ao lado dela, había outra bolsa baleira. O cadáver foi trasladado á tardiña ao Instituto Anatómico Forense. 

A busca das nenas, e do pai Tomás Gimeno, estaba centrada no mar desde o 30 de maio despois de que a busca en terra non dera resultados. Non se atoparan restos biolóxicos nos catro rexistros efectuados na casa do pai. O día da desaparición, Tomás Gimeno, que non lle entregara as fillas á súa exparella como tiñan pactado, fora visto embarcando seis bolsas na lancha con que saíu de Santa Cruz de Tenerife. A busca cun sonar e un robot submarino facíase nunha zona delimitada polo xeoposicionamento do móbil do pai a tarde e a noite da desaparición dos tres. 

A nai das nenas, Beatriz Zimmermann, mantivo ata o último momento a esperanza de que estivesen vivas. Sempre creu que o pai fuxira coas fillas. O achado da botella de mergullo e o edredón no mar a principios desta semana eran para ela probas falsas e parte dun teatro para enmascarar a fuga. A realidade tira por terra esta teoría e todo fai sospeitar que non é unha fuga, como sospeitaban os investigadores desde o principio, que, con todo, tiñan abertas varias hipóteses inda que co paso do tempo esta era a que collía máis forza.

Reacción de Pedro Sánchez

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, enviou a través das redes sociais o seu abrazo e agarimo á nai das pequenas Anna e Olivia, tras coñecerse o achado no mar.

Pola súa banda, a delegada do Goberno contra a Violencia Machista, Vitoria Rosell, escribiu nesta mesma rede social: "A Delegación do Goberno nas Canarias confirma o achado, comunicado á familia. É imposible atopar palabras para Beatriz nestes momentos arrepiantes. Terá toda a axuda social e institucional que precise".

Noticias web

11/06/2021