CRTVG

Buscar

Aparece morto na súa casa de Chapela coas mans atadas e unha bolsa na cabeza

Publicado o 01/02/2021 09:04

Eran as oito da tarde cando un amigo do falecido se achegou á porta desta vivenda preocupado porque non lle collía o teléfono e porque non o vía desde había varios días. E iso que ao ter un can sempre saía da casa a pasealo á praia de Arealonga, a uns poucos metros baixando esta rúa, a San Tomé de Chapela, no concello de Redondela.

Viu a luz acendida, pareceulle velo no chan e alertou o 112. A porta estaba pechada, despois os axentes atoparían a chave dentro da casa, e tiveron que forzala para entrar.

Roberto, de 52 anos, xacía morto na mesma entrada, no salón, boca abaixo, atado de mans e cun plástico cubríndolle a cara. Antes de que a xuíza de garda de Redondela levantase o cadáver, os forenses estudaron a escena posible do crime en busca de vestixios do que puido pasar. Non había desorde, pouco máis que unha mesa fóra de lugar. E dentro da casa, encerrado, estaba o can do falecido, un can de raza perigosa.

Esta mañá a casa permanecía precintada pero os axentes da Policía Científica non volveron examinar o lugar. A maioría das hipóteses apuntan a unha orixe criminal, pero todo é posible. En maio, en Vigo, na rúa Barcelona, un home apareceu tamén atado e cunha bolsa na cabeza e finalmente a autopsia e as probas circunstanciais determinaron que era un suicidio.

A autopsia determinará a causa final da morte mentres se mantén o segredo nas actuacións.

Noticias web

01/02/2021