CRTVG

Buscar

Aparece estragado un cruceiro en Aceña de Olga, Lugo

Publicado o 04/06/2019 13:46

Un acto vandálico semella ser a causa da desfeita provocada nun cruceiro situado na parte traseira da capela de San Antón, en Lugo. Todo apunta a que os desaprehensivos golpearon con algún obxecto contundente a parte superior do cruceiro esnaquizando as figuras da Virxe das Angustias e do Cristo crucificado. A base e o fuste así como a figura do santo Antón puideron salvarse dun ataque que se produciu de madrugada.

Nesta zona residen numerosos estudantes que pasan por diante da capela para regresar á casa nas noites de esmorga. Hai anos, o cruceiro xa levara un golpe dun coche que saíu da vía pero non lle causara danos.

"Isto é obra de persoas que están sen civilizar e que non respectan o patrimonio cultural e artístico da cidade", di Fernando Arribas, da Asociación de Amigos dos Cruceiros.

Se ben o cruceiro non é moi antigo, data de 1991, si ten moito valor por tratarse da única obra que había en Lugo do escultor lalinense Vidal Payo, xa falecido e un dos máis recoñecidos de Galicia en canto a este tipo de creacións. Os golpes que lles deron ás figuras deberon ser moi fortes porque quedaron moi danadas. Aínda así, os especialistas cren que será posible restauralo sen que se noten as fendas. Os vándalos non atacaron a capela, o que reforza a tese de que só pretendían causar danos en vez de roubar.

"O cruceiro non é moi antigo pero ten moito valor porque Vidal Payo foi quen o esculpiu e ese autor foi mestre de moitos posteriores", explica Arribas.

A fonte de San Vicente, no centro da zona vella, e o cruceiro de Albeiros foron outros elementos patrimoniais atacados polos vándalos en Lugo nos últimos tempos.

Noticias web

04/06/2019