CRTVG

Buscar

Aparece a chuvia en Sierra Bermeja, pero non a suficiente para controlar o incendio que leva preto de 8.000 hectáreas arrasadas

Publicado o 13/09/2021 21:18

Primeiras boas noticias sobre o devastador incendio que afecta Sierra Bermeja, en Málaga, nos últimos días. Chuvia feble fixo acto de presenza, o que axudará a conter un incendio que leva xa preto de 8.000 hectareas calcinadas e que ten un perímetro de case 100 quilómetros. Pero, iso si, dende o Infoca aseguran que estas chuvias non extinguirán o lume xa que non chegarán ao chan na zona da fronte das lapas.

Fálase xa dun incendio de sexta xeración, superincendios que poden modificar a meteoroloxía ao seu redor debido á súa virulencia, que xeran unha nube de condensación debido á enorme calor e que teñen unha dinámica de dispersión errática. O presidente andaluz, Juan Manuel Moreno, manifestou que "é capaz de variar o vento e faino moi perigoso, por iso teñen que ser precavidos cos reténs e os fai vivir en permanente incerteza".

Os expertos asegurán que isto unido a unha xestión forestal deficiente e o cambio climático fan deles monstros con gran capacidade destrutiva. Hoxe un helicóptero, un dos máis de 50 medios aereos que están na zona sufriu un accidente. Por sorte sen danos para os seus 19 ocupantes. Ademais do bombeiro falecido o pasado xoves outros dous quedaron feridos, aínda que un deles xa foi dado de alta.

Máis de 3.000 persoas foron desaloxadas e case mil efectivos traballan neste xigantesco incendio no sur de Málaga.


 

Noticias web

13/09/2021