CRTVG

Buscar

O incendio no hotel Bahía de Vigo puido deberse a un fallo eléctrico

Publicado o 14/02/2019 14:33

Así, en pixama, con chanclas ou zapatillas chegaban ao hotel Bahía contra as nove da mañá moitos dos hóspedes que pasaron a noite fóra por mor do incendio declarado no hotel á unha menos cuarto da mañá. Algúns aínda tiñan o susto no corpo, pero agradeceron a rapidez do operativo e o ben que os trataron tanto a policía como os bombeiros como os directores do hotel afectado e os establecementos en que foron realoxados.

O lume comezou nun pequeno almacén do entrechán que estaba cheo de mobles,electrodomésticos e de difícil acceso. A extinción e o desaloxo foron bastante complexos. Algunhas das persoas aloxadas no inmoble tiñan problemas de mobilidade.

Os efectivos antiincendios tardaron preto de tres horas na extinción e mantiveron un retén ata as 7 da mañá. Ao longo da mañá volveron facer unha revisión, de igual xeito que  a Policía Científica.Todo apunta que a orixe do incendio foi un problema eléctrico. Non foi preciso o traslado de ninguén ao hospital.

 


Noticias web

14/02/2019