Ao teu coche tamén lle puido "afectar" o virus: así o debes preparar para as vacacións
A parada pola covid-19 afectou tamén o estado dos coches, como xa comprobaron moitos condutores ao darlle ao contacto. Así, para quen teña pensado facer moitas viaxes ou viaxe longa, non debe esquecer mirar cantos anos leva coa mesma batería por se chegou o momento de cambiala. E, coma sempre, revisar os elementos de seguridade.
José Bastón, xerente de Talleres Bastón, coméntanos que "despois dun período longo co coche parado, é fundamental mirarlle o típico: presión de rodas, niveis de aceite, os freos... O triángulo de seguridade; amortecedores, freos, pneumáticos, e fancendo fincapé na vixilancia da batería. Porque despois de tanto tempo parados pode dar sorpresas. Ao mellor chama a asistencia en viaxe, acende, anda un pouco e á mañá seguinte xa non arranca, o que che ocasiona un problema na viaxe".
As rodas constitúen unha das pezas determinantes nese triángulo de seguridade. Os pneumáticos deben estar en perfectas condicións. Cómpre lembrar que é un produto que ten data de caducidade a partir do momento de fabricación.
"Despois de sete anos non é recomendable seguir utilizándoos, e logo coas temperaturas nunha viaxe longa, o problema pode ser que rebente... e rebentan -recalca Bastón-. Se isto lle sucede nunha curva podemos ter moitos e serios problemas".
As restricións derivadas da pandemia levaron a que numerosos coches estean coa ITV pendente. Quen estea nese caso e queira unha viaxe sen sobresaltos tamén debería ter en conta a visita ao taller.
"Daquela, se non levamos o coche á inspección, debemos acudir ao taller para que miren se está ben e podemos facer a viaxe. Mirarlle o mantemento. Iso é fundamental para no levar unha sorpresa desagradable", asegura.
E aínda que é época luminosa, as luces do coche requiren revisión e, logo, activalas, os indicadores incluídos. Tamén son importantes para que nos vexan.