CRTVG

Buscar

O comité de Alcoa anuncia mobilizacións para que "os políticos se mollen"

Publicado o 14/05/2021 14:45

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao anuncia o inicio inminente dun calendario de mobilizacións para esixir unha venda con garantías da factoría de aluminio e conseguir que "os políticos se mollen". Foi logo da xuntanza coa dirección da multinacional, onde puxeron de manifesto que a SEPI debe ter un papel activo nesta operación.

Segundo declarou o seu presidente, José Antonio Zan, reclaman a participación da Socidade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) "porque é a garantía", o que realmente "lle dá certeza a esta operación". Mentres, Alcoa debe comezar a "negociar co único comprador que hai" neste momento, que é o grupo Liberty.

Lembrou que a participación do organismo público é "unha decisión política", polo que o cadro de persoal está dispostos a "ir a todos os sitios que teña que ir" para "que digan o que teñan que dicir" e cumpran cos acordos aprobados tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galicia.

Considera que "os políticos teñen que dar certeza e non botar máis lama a algo que xa está suficientemente  enlamado", e que calquera negociación debe desenvolverse "cos plans industriais e enerxéticos sobre a mesa".

En canto ás mobilizacións, asegurou que serán convocadas dun xeito "intelixente" e pediulle á comarca da Mariña que se sume a elas para demostrar fortaleza. "Debemos amosar que temos esa forza, porque se non van pasar de nós", lamentou.

A próxima reunión con Alcoa está prevista para o martes, día 18 de maio. O comité agarda que a multinacional se pronuncie e "diga si ou non" ao acordo de venda.

Noticias web

14/05/2021