CRTVG

Buscar

Anulan o refinanciamento de Nueva Pescanova impulsado por Abanca, ao non contar co acordo da maioría de acredores

Publicado o 19/01/2021 19:23
Anulan o refinanciamento de Nueva Pescanova impulsado por Abanca, ao non contar co acordo da maioría de acredores

O xulgado do Mercantil 1 de Pontevedra estimou as demandas de impugnación promovidas por varios acredores de Nueva Pescanova (sociedades do fondo Broadbill) contra a homologación xudicial do acordo de refinanciamento de Nueva Pescanova e anulou dita homologación, ao entender que o acordo de refinanciamento non contou coa maioría esixible legalmente (o 51 % dos acredores). 

Na súa sentenza, que é firme e non admite recurso, o xulgado sinala que, segundo a Lei concursal, cando se establecen as maiorías para aprobar os acordos de refinanciamento, non poden terse en conta as débedas daqueles acredores considerados "persoas especialmente relacionadas" cos debedores. 

No caso de Nueva Pescanova, o acordo discutido aprobouse o 30 de xuño de 2020, cando a entidade financeira Abanca xa asumira o control da pesqueira (tiña máis do 80 por cento das accións e designara a tres do cinco membros do Consello de Administración).

Precisamente esa circunstancia, unida ao feito de que Abanca exercía como "administradora de feito" de Nueva Pescanova, convertía en "persoa especialmente relacionada" coa pesqueira, polo que a súa débeda non debía computar á hora de votar o refinanciamento. 

Segundo o xuíz, se se tomase como referencia a posición de Abanca antes de ter o control da multinacional, sería titular dunha débeda de 47,9 millóns de euros, e iso, sumado os 200.000 euros do resto de acredores que asinaron o acordo de refinanciamento, é unha cantidade moi inferior aos máis de 71 millóns de débeda que representan outros acredores que impugnaron o acordo. 

Por outra banda, na súa resolución, o maxistrado tamén sinala que o acordo de refinanciamento asinouse sen informar nin negociar coa totalidade de acredores, que foron informados posteriormente

Así, tendo en conta que o acordo estaba promovido por Abanca, que a maior parte de conselleiros están vinculados á entidade financeira e que esta era a maior interesada en que o devandito acordo prosperase, "xorden as máis lóxicas sospeitas", segundo o xuíz, de que a propia Abanca influíu no Consello "para que o acordo permanecese en segredo ata despois da súa firma". 

Segundo sinala na súa sentenza, é "rechamante" que os titulares de débeda por máis de 71 millóns de euros non fosen informados previamente ou convidados a participar na negociación do acordo de refinanciamento antes da súa firma. "Aparece unha sospeita razoable sobre o que puido dar instrucións reservadas (Abanca) ao Consello para manter en segredo o acordo", incidiu o xuíz.

Por outra banda, o maxistrado desestimou as demandas incidentales promovidas por outros acredores, como Pescano, QP Capital Holdings Ltd, Dupon Pension Trusty E.I. Dupont Canada Company Pension Plan, que alegaban, entre outras cuestións, que o acordo de refinanciamento lles esixía un sacrificio desproporcionado.