Costa pídelle ao presidente de Portugal que declare o estado de emerxencia
O primeiro ministro de Portugal, António Costa, pediulle hoxe ao presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, que declare un estado de emerxencia "esencialmente preventivo" para ter un soporte xurídico que lle permita tomar máis medidas para combater o coronavirus.
"Desde o punto de vista do Goberno xustifícase que con carácter preventivo se declare un estado de emerxencia", sostivo Costa nunha declaración a xornalistas tras reunirse co presidente.
O encontro, solicitado polo primeiro ministro, serviu para expor as razóns polas que, segundo o Executivo, é necesario volver declarar o estado de emerxencia, que estivo vixente entre o 19 de marzo e o 2 de maio e que agora tería un novo obxectivo: "disipar as dúbidas xurídicas".
A idea, explicou, non é tanto volver ás restricións severas da primavera, senón fixar con claridade un soporte legal que asista o Goberno para avanzar con máis medidas, por exemplo esixir que se tome a temperatura á entrada de postos de traballo, ou reconfigurar os recursos do Estado.
Tamén mobilizar as Forzas Armadas ou profesores e médicos para atender as necesidades da pandemia, agregou Costa, que evitou nomear outra medida que podería tomar cun estado de emerxencia: declarar toque de recoller, algo que actualmente lle parece excesivo.
"Decretar o toque de recoller na fin de semana é dunha gran violencia e un exceso", aseverou.
En caso de decretarse un novo estado de emerxencia, apuntou, o Goberno propón que dure máis de 15 días e se aplique aos municipios en que entrará en vigor o vindeiro mércores o confinamento parcial anunciado o sábado por Costa, que afectará ao 70 % da poboación do país, incluídas Lisboa e O Porto.
A petición de Costa será consultada hoxe polo presidente de Portugal con todos os partidos que teñen representación no Parlamento.
Rebelo de Sousa foi taxativo nos últimos días ao afirmar que o regreso do estado de emerxencia deberá contar co maior consenso posible e que só avanzará se considera que hai acordo maioritario da Cámara.
O proceso legal para decretar o estado de emerxencia esixe o visto e prace do Parlamento antes de que o xefe de Estado o declre oficialmente.
Portugal rexistra novo récord de mortes diarias e de hospitalizados
Portugal rexistrou hoxe un novo récord de toda a pandemia na cifra de falecementos diarios (46) e volveu marcar máximos nos hospitalizados totais (2.255) e nos ingresados en coidados intensivos (296) polo coronavirus. O último balance da Dirección Xeral de Saúde notifica 2.506 infeccións nas últimas 24 horase 3.062 casos, o que aumenta o número de positivos totais desde que empezou a pandemia ata 146.847.
Case 61.000 casos permanecen activos en Portugal, que rexistrou desde marzo un total de 2.590 falecidos con covid-19.