CRTVG

Buscar

ANPA e mestres piden que se garanta a adquisición de competencias ante a desaparición dos exames de setembro

Publicado o 16/09/2021 14:52

Se a anterior lei fixaba supostos en que o alumnado debía repetir, a actual, a lei Celáa, quere que repetir sexa unha excepción. Establece que o alumnado pase de curso cando suspenda 2 materias. Se suspende 3 ou máis, a decisión queda en mans do claustro, que determinará se o alumno ten as competencias precisas.

Algunhas asociacións de pais e nais temen que os cambios se traduzan nunha mingua da aprendizaxe.

"A lexislación educativa di que un alumno ten que acadar os coñecementos da súa etapa. Nesta situación non temos ningunha garantía de que se vaia a producir esa asunción de competencias e coñecemento", di Rogelio Carballo, presidente de CONFAPA-GALICIA (Confederación Galega de ANPAS de Centros Públicos). 

Tamén hai preocupación entre as familias e o profesorado ante a desaparición dos exames de recuperación de setembro. 

"Impón pensar que eses nenos non van ter unha oportunidade", comenta Isabel Ruso, directora do IES Eusebio da Guarda, quen engade que hai outros métodos de avaliación, "pero, efectivamente, hai que definilos", conclúe. 

Na mesma liña pronúnciase Dolores Blanco, presidenta da Federación Provincial de ANPAS da Coruña. Di que "os exames non son o mellor método para avaliar, pero é certo que non se pode empezar polo final. Necesítase unha fonda renovación do proceso de aprendizaxe, e unha vez que estean as bases, será cando poidamos falar doutros sistemas de avaliación". 

Piden unha educación máis individualizada, con programas de reforzo e máis profesorado de apoio en todos os centros de ensinanza.

Noticias web

16/09/2021