Año, cabrito e capón, reis das carnes na Noiteboa
Publicado o 24/12/2019 13:30
Fervía a praza de abastos de Compostela esta mañá cos clientes de último día e a recollida de encargas para a cea. Os postos máis concorridos, os de peixe e marisco, pero tamén é tempada alta para as carnes, que non faltan nos menús tradicionais de Nadal.
Os tres reis desa tradición son o año, o cabrito e o capón. Tamén hai boa demanda de carne de vacún, sobre todo das pezas máis exquisitas.
Os que aposten por poñer un prato de carne na súa mesa de Nadal non atoparán grandes variacións de prezo. O que si cambia é o tipo de carne que se demanda: nestas datas mercamos maiores e mellores talladas.
Como alternativa ao marisco ou ao peixe ou como complemento deles, as carnes máis selectas manteñen o seu protagonismo no menú destas festas.