CRTVG

Buscar

Anik Nandi, o investigador indio que se namorou do galego por casualidade

Publicado o 14/05/2021 18:30

• O sociolingüista indio leva anos reivindicando a importancia de falar e protexer o galego

Anik Nandi, o investigador indio que se namorou do galego por casualidade

Non tiña familia nin vencello ningún con Galicia. De feito, ata non moito antes de chegar ao noso país, Anik Nandi descoñecía a situación da nosa lingua. Anik Nandi (Bardhaman, A India) descubriu o galego en Ourense, traducindo textos para alumnos de intercambio.

Chamáballe poderosamente a atención como a mocidade galega, malia ter moitos pais e nais galegofalantes, non se expresaba en galego. O seu interese foi a máis e comezou a afondar na diglosia en Galicia.

Pouco despois iniciou os seus estudos en lingua galega ata falala con fluidez e, paritariamente, foi investigando sobre esta perda xeracional no marco dun curso de posgrao da Universidade de Santiago de Compostela.

"Coñecer unha comunidade sen saber a súa lingua é como coñecer unha persoa sen saber a súa alma", di Nandi.

O sociolingüista achegouse ao galego dende un sentido crítico e ávido, cun interese polos procesos de perda do idioma. Un actor crucial na transmisión da lingua son as familias, aínda que Nandi considera fundamental tratalas como axentes afectados polas políticas lingüísticas institucionais

"A familia e a 'liberdade individual' están condicionadas e/ou controladas polas ideoloxías dominantes do exterior", asevera o investigador.

Un problema alén do ámbito familiar

Nos seus estudos Nandi pon o foco nas políticas lingüísticas de linguas minorizadas, entre as que está o galego. Traballando na análise da transmisión interxeracional do galego, constatou nun artigo como na contorna urbana e periurbana de Galicia, "o castelán posúe un maior capital social e poder simbólico ca o galego e, como lingua predominante no exterior (fóra da casa e da aula), a través do seu control hexemónico, crea discrepancias e desconformidades na práctica lingüística dentro do fogar". O que explica en boa maneira o rexeitamento de parte da cativada a falar na lingua dos seus pais.

Políticas de baixa intensidade

Nandi apunta cara ás políticas lingüísticas da Xunta, xa dende o comezo da autonomía, como parte do contexto que levou a esta situación.

"Aínda que existía unha política lingüística nos documentos oficiais, non houbo unha posta en funcionamento eficiente por parte do Goberno, senón que se promoveu unha política lingüística de baixa intensidade cara ao galego", explica Nandi nas súas investigacións.

Polo tanto, "aínda que o coñecemento da lingua recibiu un impulso nos últimos anos, o seu capital simbólico e cultural segue a ser reducido".

A solución para Nandi pasa pola creación de "pontes entre a escola e a familia, que son os lugares en que a posta en marcha da política lingüística ten lugar na práctica do día a día".