CRTVG

Buscar

A Asociación Nacional de Vacinas: é un "erro estratéxico bestial" paralizar soros

Publicado o 16/04/2021 11:04
A Asociación Nacional de Vacinas: é un "erro estratéxico bestial" paralizar soros

O presidente da Asociación Nacional de Enfermería e Vacinas (Anenvac), José Antonio  Forcada, considera un "erro estratéxico bestial" a suspensión da administración de vacinas contra a covid-19, como sucedeu con AstraZeneca e Janssen.

"O beneficio é infinitamente superior ao risco e estanse a salvar milleiros de vidas fronte a unha reacción adversa grave", asegura nunha entrevista coa Axencia EFE, onde afirma que hai que "ter 10.000 veces" máis medo ao virus que ás vacinas.

Segundo Forcada, o número de casos de trombos que se notificaron é moi pequeno en relación ás vacinas inoculadas e a situación é "total e absolutamente controlable. Non por iso habería que paralizar a vacinación".

Janssen e AstraZeneca

Tras a paralización de Janssen, sinala que agora toca agardar o ditame da Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA), da Axencia Europea de Medicamentos (EMA) e do laboratorio que fabrica a vacina.

Lembremos que a compañía farmacéutica decidiu este martes, tras notificarse seis casos de trombos, suspender a distribución do soro en Europa, do que España agardaba recibir esta semana as primeiras 300.000 doses.

No caso de AstraZeneca, afirma que o ocorrido foi un "disparate", un "caos incrible" e "un erro estratéxico bestial" porque "o beneficio é infinitamente superior ao risco".

"Estamos a salvar moitos milleiros de persoas enfermas que teñen que ingresar en hospitais, e ao sufrimento persoal de cada unha delas engádese unha sobrecarga moi importante para o sistema sanitario que leva máis dun ano cunha presión brutal", subliña.

Segundo Forcada, os cambios nos tramos de idades, unido á parada da vacinación e ás declaracións dalgúns políticos, "non axudan para nada e crearon unha alarma social e unha desconfianza da xente" que levou algunhas persoas a rexeitar a inoculación por medo.

Unha ou dúas doses

No caso de AstraZeneca, sostén que unha soa dose da vacina "non garante unha boa inmunidade nin no espazo nin no tempo", e coa segunda "si que habería maior protección e a duración da inmunidade sería moito máis longa".

"Poñer unha soa dose nunha situación de emerxencia pódese contemplar para evitar máis enfermidade grave, pero non evitará máis enfermidade leve, polo que se vai manter a transmisión. Para min, non ten ningún sentido", asevera.

Respecto á combinación de distintas vacinas, sinala que de momento ningunha ten probada a compatibilidade con outra. Porén, estanse a facer estudos de intercambiabilidade entre AstraZeneca e Pfizer dos que aínda non hai resultados.

"O máis lóxico é que a segunda dose se repita con AstraZeneca, porque se unha persoa non tivo un efecto secundario grave coa primeira, coa segunda as posibilidades de que a teña son moitísimo menores", destaca.

Inmunidade de rabaño

O presidente de Anenvac considera que antes do verán "nin de casualidade" poderá alcanzarse a vacinación do 70 % da poboación. Ao final da estación estival "é posible, pero cada vez que se paraliza a vacinación hai que volver coller ritmo e recuperar a confianza da xente".

Forcada precisa que aínda que se fala dunha porcentaxe do 70 %, para chegar a unha inmunidade de grupo necesítanse coberturas "moitísimo máis altas". Pon como exemplo o sarampelo, no que para ter unha inmunidade de grupo se necesita case un 95 % de nenos vacinados, e aínda así aparecen gromos cando se xunta parte dese 5 % non vacinado.

"Polo momento, non sabemos cal é a efectividade das vacinas nin canto vai durar a inmunidade, nin a natural que produce a infección nin a provocada pola vacina", aclara.

Máis medo ao virus que á vacina

Ao seu xuízo, hai que ter "10.000 veces máis" medo ao virus que ás vacinas, e subliña a pouca mortalidade que hai na actualidade nas residencias de maiores grazas á inmunización.

"Foron os primeiros en se vacinar e os resultados aí están. Temos case toda a poboación de máis de 80 anos protexida cunha dose e máis da metade con dúas doses, e a incidencia de infeccións nese grupo descendeu moito", indica.

Vacina obrigatoria

O presidente de Anenvac lembra que en España as vacinas non son obrigatorias e mentres así sexa "poderán seguir negándose" a recibila. Porén, considera que cando as persoas que enfermen sexan só as non inmunizadas, "elas mesmas a demandarán".

En caso de que a epidemia se agravase, explica, teñen que ser as autoridades sanitarias as que decidan se a vacina debe ser obrigatoria. Para iso, subliña, debe acudir á Lei de medidas extraordinarias de saúde pública, pero é algo "interpretativo" e algún xuíz "podería desmontalo".

Pensa que habería que facer algo pero, máis que obrigar, aposta por restrinxir accesos a lugares ou a viaxes das persoas non inmunizadas. "O pasaporte covid é un xeito de obrigar a vacinarse".

Forcada destaca o esforzo que realizan os sanitarios, especialmente o persoal de enfermería, na vacinación: "Son un exemplo de solidariedade e de ben social".

Liberalización de patentes

Respecto á liberalización das patentes das vacinas, afirma que é "difícil" porque é algo que depende da organización internacional de comercio e dun consenso por parte de todos os países.

Ademais, sinala que Pfizer, Moderna ou AstraZeneca "son empresas e o seu obxectivo é gañar cartos e responder ante os seus accionistas. De ningunha maneira poden regalar unha patente".

Outra cousa, engade, sería chegar a acordos entre os estados para unha liberación parcial cun custo económico que facilite que se poida producir noutros lugares. Porén, subliña, habería que ver en que condicións e se hai plantas coa calidade suficiente para que esa vacina cumpra con todos os estándares de calidade, algo que ademais non se consegue en poucos meses.

"Estaría ben que se producisen moitas máis vacinas, antes acabariamos coa pandemia e volveríase a unha certa normalidade, pero é moi complicado", recoñece.