CRTVG

Buscar

Andalucía pecha a actividade non esencial ás seis da tarde

Publicado o 08/11/2020 21:22

O ritmo de contaxios de coronavirus en Andalucía, por riba da media de España nos últimos quince días, levou o Goberno da comunidade a endurecer as restricións.

"As decisións que tomamos son moi complexas, sei que nunca serán do gusto de todos, pero tomámolas para salvar vidas evitar o colapso sanitario e lograr a recuperación o antes posible", di o presidente autonómico.

Tras reunir o comité de expertos, Juanma Moreno decidía pechar a hostalería e a actividade non esencial a partir das seis da tarde en todo o territorio, agás en Granada, onde o peche é total.

"Os datos na provincia de Granada con case 1.200 casos por 100.000 habitantes, son peores que os de Navarra, Aragón, que son os máis altos de España, por iso non nos queda outra que cerrar toda a actividade non esencial",indica Moreno.

O peche perimetral da comunidade mantense, pero ademais todos os habitantes quedan confinados nos seus concellos, dos que non poden entrar nin saír sen causa xustificada. Amplíase tamén o toque de queda, que irá dende as dez da noite ás sete da mañá, e as clases na universade serán en liña.

"Non somos partidarios dun confinamento total, salvo como última posibilidade para salvar un colapso sanitario, que en Andalucía non se dá agora mesmo, pero si creo que o Goberno do Estado debería ter preparada esa posibilidade", advirte o presidente andaluz.

As medidas estarán en vigor ata o 23 de novembro. No que vai de mes faleceron 315 persoas en Andalucía a causa do virus.


 

Noticias web

08/11/2020