CRTVG

Buscar

Galicia é a comunidade española coa incidencia máis baixa

Publicado o 21/06/2021 18:42

A incidencia acumulada baixou 3,9 puntos, ata 92 casos por cada 100.000 habitantes desde o venres e só unha comunidade, Andalucía rexistra un índice de transmisión alto, por encima de 150, mentres que 4 superan os 100 casos, cinco están por baixo 50 en nova normalidade, e o resto en grao medio de contaxios.

Así o dixo o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, quen manifestou que a ocupación hospitalaria descende porque os casos máis detectados son nos grupos máis novos da poboación, cun impacto menor en canto a letalidade e hospitalización.

Situou a ocupación nas UCI nun 8,2 % (dúas décimas menos que o venres) e a de planta no 2,3 %, igual que ao final da pasada semana. "Desgraciadamente segue habendo falecidos", dixo o experto en conferencia de prensa, aínda que incidiu en que as cifras van diminuíndo por baixo dos cen decesos en sete días e este luns a cifra é de 59 para a última semana.

Segundo Simón, desde hai 8 semanas a pandemia está estable, aínda que a pesar da boa evolución pediu que se manteñan as medidas de seguridade, mentres destacaba que o plan de vacinación protexeu os mais vulnerables.

Noticias web

21/06/2021