CRTVG

Buscar

Andaina "Camiño ao respecto", un acto simbólico contra a violencia machista

Publicado o 22/11/2020 15:01

A pandemia marca este ano a tradicional andaina "Camiño ao respecto", un acto simbólico para mostrar o rexeitamento público da violencia contra as mulleres e para sensibilizar sobre a importancia de valores como o respecto e a igualdade. Na Xunta queren fomentar a participación activa da cidadanía, pero este ano, coas restricións sanitarias, fano a través da andaina virtual.

A pesar da pandemia e de non poder reunir centos de persoas coma noutras edicións, a tradicional andaina "Camiño ao respecto", en contra da violencia machista, celébrase este ano, pero dun xeito diferente.

Un pequeno grupo de representantes do Goberno galego, do Parlamento e do concello compostelán percorreron o último treito do camiño de Santiago e convidaron a participar a todos os cidadáns nos seus municipios atendendo ás restricións sanitarias. Despois poden achegar imaxes das súas camiñadas a través das redes sociais. E todo cun obxectivo: visibilizar un problema que afecta a toda a sociedade e concienciar sobre a necesidade dunha igualdade real.

"É posible que cada galego e cada galega faga a súa andaina na súa vila; son cinco quilómetros dentro do que permiten as circunstancias actuais", dixo María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade.

Ata o momento estaban inscritas na andaina virtual máis de 2.100 persoas, e poden seguir facéndoo ata o 30 de novembro.

A iniciativa está enmarcada na semana de actos que rodean o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista. Coa lectura dun manifesto lembraron as vítimas.

"Previr e poñer fin á violencia exercida contra as mulleres é un obxectivo prioritario e irrenunciable, pois a igualdade é un valor de Estado, a violencia de xénero é asunto de Estado. O noso máis sentido recordo ás mulleres asasinadas en España, os nenos e as nenas vítimas mortais e os orfos pola violencia machista, e queremos lembrar as dúas mulleres asasinadas este ano en Galicia: Manuela e Clara", afirmou María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade.

A andaina, que comezaba no Monte do Gozo, rematou na praza do Obradoiro coa foto de familia, nun acto simbólico co que queren lembrar que "cada quilómetro suma, cada acción é importante" para erradicar a violencia machista.

A ese camiño ao respecto sumouse o presidente da Xunta, que colgou nas redes sociais imaxes da súa andaina contra o que el denomina a pandemia social da violencia machista. A vacina contra o machismo está, segundo el, na educación, o emprego e a liberdade.

Noticias web

22/11/2020