Análise | Galicia dobrou a curva: sabémolo tras varios axustes estatísticos

A semana que hoxe termina tróuxonos a confirmación de que Galicia dobrou xa a curva do coronavirus. Sabémolo grazas a un axuste estatístico que se deu a coñecer o xoves. Ese día, a Xunta comunicou de golpe máis de 3.500 novos curados, o que fixo cambiar a gráfica de forma notable. Os curados agora son practicamente o dobre que os casos activos.
Por que aconteceu isto? Para harmonizar as súas estatísticas coas do Ministerio de Sanidade, o Sergas revisou os historiais clínicos de centos de persoas que curaron o coronavirus na casa. Unha vez concluída esa análise, os casos activos caeron en máis de 3.400.
O descenso notouse especialmente na área da Coruña, a que era ata ese momento a máis afectada con diferenza.
Nesta gráfica tamén se aprecia a caída brusca do número de persoas tratadas nos seus domicilios na xornada do xoves por mor dese reaxuste estatístico.
Ampliando esa gráfica, tamén se constata que os hospitais seguen baleirándose de pacientes con coronavirus, tanto os ingresados en planta como os que ocupan unha cama nunha unidade de coidados intensivos.
Esta semana tamén se produciron tres feitos relevantes en canto ao número de falecidos:
• O día 29, por primeira vez non houbo ningún falecemento nos hospitais galegos, nin tampouco nas residencias de maiores.
• A Xunta revisou onte por primeira vez á baixa o número de falecidos, despois de verificar que tres das mortes nas residencias non foran en realidade por coronavirus.
• O Ministerio de Sanidade incorpora desde este mércores os datos dos falecidos nas residencias en Galicia, facilitados "desde o primeiro momento" ao Goberno central, segundo asegurou o presidente da Xunta en conferencia de prensa.
Estes son os últimos datos por comunidades autónomas facilitados polo Ministerio. A Comunidade de Madrid e Cataluña son as máis afectadas en falecidos e contaxios.
A pesar de que o Ministerio aínda non incorporou o número de falecidos en residencias de todas as comunidades autónomas, Galicia segue por debaixo da media en falecidos en relación cos seus habitantes. Castela-A Mancha desbancou a Comunidad de Madrid na parte superior da táboa.
Galicia tamén está debaixo da media en contaxios por millón de habitantes, unha clasificación que segue liderando A Rioxa.
Galicia mantense, ademais, como a comunidade autónoma coa menor taxa de letalidade, a que mide os falecidos con respecto aos contaxiados.
Ata aquí a situación actual. En próximas semanas xa se verá que incidencia van ter nestas gráficas as medidas de alivio do confinamento postas en marcha nos últimos días, coma os paseos cos nenos ou a volta da actividade física á rúa.