CRTVG

Buscar

O BNG esixe un reforzo de 200 millóns para "desconfinar" a atención primaria

Publicado o 03/05/2021 14:23

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu unha inxección inmediata de 200 millóns de euros no sistema sanitario galego para "desconfinar a atención primaria" porque non se pode "aceptar como normalidade que unha persoa non poida acudir ao seu médico".

En declaracións á prensa ante o centro de saúde de Galeras, en Santiago de Compostela, a dirixente nacionalista reclamou a reactivación "canto antes" da asistencia médica presencial porque, actualmente, dixo, a seis de cada dez persoas "imposibilítaselles" acceder a unha cita co seu médico coa escusa da pandemia sanitaria.

"Agora todo o persoal sanitario está vacinado, polo que non hai escusas" para proseguir coa telemedicina, asegurou. Neste sentido, lamentou "o acoso e derruba" que está a afrontar a atención primaria por parte da Xunta que, asegurou, busca unha "privatización encuberta" dun servizo esencial.

Dúas semanas para unha cita

Ante esta situación, a líder do Bloque cuestionouse "en que momento" o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "decidiu que era normal que a cidadanía tivese que agardar dúas semanas para unha cita ou que tivesen que ser atendidos por un contestador automático".

Segundo Ana Pontón, as trabas que o Sergas está a poñer fan que para calquera enfermo, e sobre todo para as persoas maiores, "acudir ao seu médico" sexa unha "odisea". Na súa opinión, deste xeito preténdese que opten por acudir a especialistas privados se teñen os recursos necesarios.

Para frear esta tendencia, os nacionalistas esixen que se incremente en 200 millóns o orzamento destinado a atención primaria e que, á súa vez, se convoquen as 6.000 prazas vacantes no Sergas, moitas delas desta especialidade.

Do mesmo eito, considerou que esta mellora, ademais de ser beneficiosa para a cidadanía, tamén será positiva para o persoal sanitario, que está "exhausto" despois dun ano de "fatiga acumulada",  no que leva reclamando "máis medios e máis recursos" sen ser escoitado polo Goberno galego.