CRTVG

Buscar

Ana Pontón reclama un plan industrial para a comarca da Mariña

Publicado o 22/09/2021 13:15

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, reclamou hoxe que A Mariña sexa unha das destinatarias dos fondos Next Generation cos que deseñar un plan industrial que garanta o futuro da comarca.

"Entendemos que na Mariña é necesario un plan industrial que podería financiarse cos fondos Next Generation que sirva para crear emprego, e que non vexamos unha nova fraude a sociedade vendo como eses fondos acaban en mans das multinacionais, e non serven para cambiar o modelo produtivo para xerar emprego de calidade e cheguen a base do pais", dixo Ana Pontón.

Pontón lamentou que os traballadores de Alcoa San Cibrao sigan aínda pendentes dunha solución despois de "todas as promesas do Goberno e da Xunta", ademais de defender que a "única medida" que pode garantir a "viabilidade" da planta de aluminio e o "emprego" é unha "intervención pública".

A voceira nacional do BNG pediulle tamén á Xunta que se poña "a traballar para evitar" o anunciado peche da fábrica que a multinacional Vestas ten en Chavín, no municipio de Viveiro, algo que ao seu xuízo é difícil de explicar cando Galicia está en pleno "boom eólico depredador".

Noticias web

22/09/2021