CRTVG

Buscar

Ana Pontón: "Onte empezou todo e estamos máis preto dun cambio en 2024"

Publicado o 13/07/2020 13:36

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apuntou este luns que o 12X "non acabou nada", senón que "empeza todo" para a consecución dun cambio de Goberno en Galicia 2024, coa formación nacionalista como "unha alternativa fortalecida" que permita "abrir un tempo novo".

Así o manifestou nunha conferencia de prensa ofrecida tras a reunión da Executiva Nacional do BNG para valorar o resultado das eleccións, nas que a formación nacionalista sumou 310.000 votos (190.000 máis que nas do 2016), triplicou o seu resultado e converteuse en primeira forza da oposición, por encima do PSdeG, con 19 escanos.

"Hoxe é un día para mirar cara ao futuro, cun proxecto consolidado e unha alternativa clara de Goberno por parte dunha organización con experiencia e estrutura que imos seguir ampliando", proseguiu Pontón, quen sinalou que "o primeiro son as persoas e levantar o país".

Neste sentido, a líder nacionalista insistiu en reclamar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "un acordo de país para a recuperación económica e social", tendo en conta que é "imprescindible" que colaboren "institucións, partidos e axentes sociais", polo que o Executivo galego "debe estar á altura das circunstancias".

"Este acordo de país foi unha gran aposta da campaña do BNG, pero non só iso: era unha aposta de futuro e temos a man tendida para alcanzar ese grande acordo para levantar este país, poñendo os intereses de Galicia por diante e facendo política de altura", proseguiu.

Cuestionada sobre se expuxo esta cuestión a Núñez Feijóo, Pontón apuntou que vai esperar a ver "cales son as súas formulacións" ante esta "situación excepcional", aínda que si apuntou que "o candidato do PP equivocaríase se utilizase a maioría absoluta como vén facendo ao longo dos últimos anos, sen dialogar nin escoitar propostas".

"Polo ben de Galicia sería importante que esta non fose unha lexislación absolutista: despois das eleccións, os galegos seguen tendo os mesmos problemas", sentenciou.

Por último, Pontón agradeceu o seu apoio a "moitísima xente nova que votaba por primeira vez e o fixo confiando no proxecto do BNG", e tamén a "moitas mulleres que votaron polo soño colectivo de que por primeira vez houbese un tempo novo coa primeira muller presidenta da Xunta de Galicia".

"Seguiremos a traballar por esa Galicia con mulleres empoderadas, con máis oportunidades e construíndo unha maior igualdade", concluíu a líder do BNG, quen agradeceu á militancia da formación, o "exemplo" en que se fixa cada día, o seu "esforzo titánico" nesta campaña e ser "o sostén da organización ás duras e ás maduras".