Ana Pontón di que vai "traballar duro para que Galicia teña un goberno do BNG"
A tradicional manifestación do BNG con motivo do día de Galicia estivo este ano marcada pola covid-19. Pero tamén polos resultados das eleccións do 12 de xullo. Ana Pontón asegurou que Galicia necesita políticas nacionalistas.
A manifestación de Santiago partiu da Alameda e rematou na praza da Quintana. Paralelamente houbo actos nas outras seis grandes cidades galegas.
Ana Pontón dixo que só o BNG pode defender un futuro digno para os galegos. Agradeceu o apoio recibido pola súa organización nas pasadas eleccións ao Parlamento de Galicia, que a sitúan como xefa da oposición, con 19 deputados.
Criticou a presenza dos Reis de España a Santiago para realizar a Ofrenda ao Apóstolo, recordou as vítimas da pandemia do coronavirus e agradeceu á sociedade galega o esforzo en superala. Pontón dixo que os resultados do 12-X non son un punto de chegada senón un punto de partida e que "imos traballar duro para que Galicia teña, por primeira vez na súa historia, un goberno do BNG que mire polo seu país".
O acto dos nacionalistas en Santiago rematou coa interpretación do himno galego.