Ana Julia Quezada, declarada culpable do asasinato con aleivosía de Gabriel Cruz
É a reacción dos pais de Gabriel á saída da audiencia en que se fixo público o veredicto. O xurado popular declarou por unanimidade a Ana Julia Quezada culpable de asasinato con aleivosía. Aceptou a tese da fiscalía, pero rexeitou o asañamento que pedía a acusación particular. O tribunal deberá decidir a pena que lle impón. Este veredicto de asasinato abre a porta a unha condena a prisión permanente revisable.
"O xurado, por unanimidade, consideramos a acusada Ana Julia Quezada Cruz culpable do feito delituoso de quitarlle a vida voluntariamente a Gabriel Cruz Ramírez, por sorpresa e repentinamente, sen posibilidade de defensa e reacción por parte do menor".
Tras 26 horas deliberando, veredicto unánime: Ana Julia matou o neno con aleivosía, pero non con asañamento, como sostiña a acusación particular.
"Unha vez na parcela de Rodalquilar, Ana Julia Quezada, de maneira súbita e repentina, colleu a Gabriel e lanzouno conta a parede, e tras o impacto procedeu a acusada coas súas propias mans a taparlle a boca e o nariz con forza ata vencer a resistencia e provocar o seu falecemento".
O xurado rexeitou como atenuante que Ana Julia actuara por arrebato ou baixo efectos de ansiolíticos e considéraa culpable, ademais, de dous delitos de lesións psíquicas e contra a integridade moral dos pais de Gabriel.
"Simulou sentirse aflixida e compunxinda, alentando os ánimos dos familiares".
O avogado da defensa anuncia recurso; o letrado da familia cre que se fixo xustiza.
Os pais de Gabriel saían, entre aplausos, moi emocionados desta audiencia pública e agradecidos polo veredicto.
"Como un día dixemos, iamos loitar con uñas e forzas para que esta bruxa non pisase a rúa. E cremos que o conseguimos", manifestou Patricia Ramírez.
"Esa muller hai que sacala da sociedade porque é un perigo e porque ía seguir facéndolle dano. Os psicópatas teñen que estar encerrados e lonxe da sociedade onde non poidan facer dano", dixo Ángel Cruz.
A nai de Gabriel tamén se dirixiu aos medios de comunicación para pedir que se acaben as filtracións neste tipo de xuízos a menores, para evitar que transcendan contidos sensibles.