CRTVG

Buscar

A Xunta atrasa o toque de queda e o peche dos restaurantes ata as 23:00

Publicado o 14/04/2021 14:26

• Os restaurantes deben ter medidores de CO2 a partir do 23 de abril

• Mantense o horario dos bares ata as 21:00 e o peche de Galicia

• Alívianse as restricións nas visitas ás residencias de maiores

O presidente da Xunta anunciou que o toque de recollida se vai atrasar das 22:00 actuais ás 23:00 horas. A partir das 00:00 do venres 16 de abril, calquera persoa, con independencia do nivel en que se atope o seu concello, poderá camiñar pola rúa ata esa hora.

Na conferencia de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, Alberto Núñez Feijóo tamén dixo que, polo momento, Galicia vai permanecer illada, de xeito perimetral, do resto de comunidades autónomas por unha cuestión de "prudencia".

Sobre o alivio das restricións, asegurou que son "pequenos pasos", pero "cara adiante, non cara atrás", tras constatarse unha mellora da situación epidemiolóxica.

Horarios na hostalería

Polo que respecta ao sector da hostalería, adiantou que os restaurantes poderán permanecer abertos ata as once da noite. Porén, os bares manteñen o peche ás 21:00 horas. 

Para ampliar o seu horario, os locais de restauración terán que cumprir cunha serie de requisitos que se publicaron este mércores no Diario Oficial de Galicia.

Segundo explicou, deberán contar con licenza de restaurante, un rexistro de clientela, un sistema de reserva con cita previa e aparellos de control do CO2.

Residencias de maiores

Respecto aos xeriátricos, a Xunta aliviará as restricións nas visitas. A partir do venres, o colectivo de residentes poderá recibir calquera persoa con cita previa e unha a unha, pero sen límite.

Do mesmo xeito, amplíase o número de saídas e a súa duración. Agora, pasan de dúas a tres veces por semana e cada unha poderá prolongarse ata as catro horas.

Fin do estado de alarma

O presidente da Xunta asegurou que o comité clínico, xunto co asesor xurídico xeral, están a analizar as posibilidades do Goberno autonómico para xestionar a pandemia unha vez remate o estado de alarma, previsiblemente o vindeiro 9 de maio.

Segundo dixo, sen vacinas suficientes e sen unha lei propia é "dobremente difícil" xestionala "con rigor, seguridade xurídica e certezas".

Lei de saúde pública

Feijóo lamentou que o Goberno central decidira recorrer a lei de saúde pública, aprobada no Parlamento galego, ante o Tribunal Constitucional sen abrir unha "comisión mixta" para falar.

"Non é de recibo. Estamos bastante desgustados e sorprendidos de que nin sequera nos comenten se algunhas das nosas decisións van ser anuladas", asegurou.

Polo de agora, engadiu, o seu Executivo vai continuar con "cautela" facendo aperturas graduais, axustadas á situación epidemiolóxica de cada momento.