CRTVG

Buscar

Amplíase o dispositivo de busca dos desparecidos polas riadas en Cataluña

Publicado o 25/10/2019 14:19

A baixada do caudal do río Francolí facilita os labores dos equipos de rescate que traballan nunha ampla zona de 50 quilómetros entre L'Espluga, a zona cero das riadas, e a desembocadura na cidade de Tarragona.

En augas do porto da capital tarraconense apareceu o cadáver do máis vello dos dous amigos que viaxaban nun coche que foi arrastrado pola enchente desta mércores pasado.

O outro continúa desaparecido, ao igual que a muller e o seu fillo arrastrados polas augas do Francolí en Vilaverd e un camioneiro belga nas proximidades de L'Espluga.

No rastrexo do leito do río participan bombeiros, axentes da Policía Autonómica, axentes forestais, voluntarios de Protección Civil e membros da Cruz Vermella.

"O que estamos facendo de momento é traballar con medios terrestres na primeira metade do Francolí, de maneira aérea na segunda metade e desde o aire e por terra tamén en toda a zona de praias e porto".

A pesar de contar con maquinaria pesada facilitada polos concellos afectados, os responsables do dispositivo de busca prevén que os rastrexos se prologarán durante varios días.

Noticias web

25/10/2019