Aos estudantes que cheguen de Mallorca faráselles unha PCR no aeroporto
Xa son 79 os positivos en Galicia polo gromo das viaxes de fin de curso a Mallorca. Hai 10 rexistrados en Lugo, 3 en Ourense e 66 positivos en Pontevedra. Todos os estudantes que cheguen de Mallorca serán sometidos a unha proba PCR no aeroporto.
A semana comeza con novos cribados na área sanitaria de Pontevedra. Desde este luns están chamados alumnos de cinco institutos máis, preto de 360 mozos, para facer a PCR neste posto instalado no aparcadoiro do hospital Provincial. Nas últimas horas houbo bastante movemento.
A situación preocupa porque a maioría dos positivos son da variante delta, pero hoxe os que fixeron a proba ían bastante tranquilos. Non todos foron tan responsables coma estes mozos. Algúns dos alumnos convocados non acudiron á cita. As probas van continuar estes días. O próximo mércores realizarase outro cribado a 330 mozos do concello de Poio.