CRTVG

Buscar

Amplían a zona de busca, pero sen pistas dos desaparecidos en Porto do Son

Publicado o 08/07/2020 14:21

O operativo de busca dos dous mozos desaparecidos estendeuse hoxe ata a zona de Baroña, a tres millas de distancia do lugar onde apareceu o kaiak, ante a posibilidade de que as correntes desprazasen os corpos desde dentro ata fóra da ría.

"Somos conscientes de que a estas alturas un posible corpo non debería ter percorrido tanta distancia, pero queremos ser garantes de que esas familias saibam que se está facendo todo o posible por localizar os seus seres queridos", explica Jorge Rodríguez, capitán da Garda Civil de Noia.

"Eu non creo que se desprazasen moito, porque o mar o día do accidente era un mar de moitísimo vento, pero estaba en calma", di Emilio Queiruga, patrón maior do Porto do Son.

Emilio Queiruga, patrón maior de Porto do Son, foi quen atopou o kaiak a noite do luns. Tamén apareceron dous chalecos que pertencían á embarcación.

"Estaba o kaiak coa quilla cara arriba, depois intentamos metelo a bordo pero foi imposible porque estaba cheo de auga", explica o patrón maior.

"Dado que aparecereon os chalecos en solitario, dáse por suposto que ningún dos rapaces o levaba posto", di Jorge Rodríguez, capitán da Garda Civil de Noia

Outra lancha de salvamento rastrexaba esta maña preto destas rochas fronte a Porto do Son, xusto onde apareceu o kaiak, e moi preto do cantil onde foi rescatada a moza que ía cos desaparecidos. 

Segundo algunhas testemuñas, varias persoas advertíronlles de que non saíran co kaiak, debido ao forte vento que había na zona.