CRTVG

Buscar

Amigos do ferido nun atropelo en Santiago din que o autor fuxiu, non se entregou

Publicado o 12/10/2021 13:15

As testemuñas do atropelo a un mozo hai dez días en Santiago ao saír dunha discoteca insisten en que o condutor se deu á fuga sen socorrelo. Poñen en dúbida, ademais, o que se dixo nun primeiro momento: que se entregou voluntariamente horas despois.

Un amigo da vítima di: "Estaba a dous ou tres metros de min, de súpeto escoitei un ruído moi forte, un golpe e pasou o coche moi, moi rápido, moito mais do permitido, levouno enriba do capó uns dez ou quince metros, e caeu enriba doutro mozo que estaba alí. Fun correndo a ver que pasaba vin que era Pablo e axudámolo".

Outra amiga afirma: "Levouno, saltou, deu unha volta polo aire e caeu, estivo inconsciente un anaco, despois chegou a ambulancia e xa subiu algo consciente e de aí ao hospital. Non fixo nin o xesto de frear".

Todo era balbordo e diversión cando mozos e mozas saían da discoteca e chegou un coche a toda velocidade. A Policía Nacional perseguía ao condutor para identificalo, despois de velo facendo manobras perigosas na cidade. O condutor non parou, pasou polo medio de ducias de persoas. Unha delas acabou atropelada e grave. A patrulla deixou a persecución e atendeu ao ferido.

O amigo do atropelado asegura que "na rúa había moita, moita xente e non sei como non levou por diante a ninguén máis. Foi unha sorpresa para min, tamén. Eu creo que co ruído do coche a xente apartouse e non pasou nada máis. O que sei eu é que o condutor non se entregou, senón que foi a denunciar o roubo do coche, que ao momento xa sabían que non llo roubaran e que era el o autor dos feitos".

A moza conta: "A min o que me dixeron é que non se entregou, senón que foi denunciar o roubo do coche. A el dáballe igual, o que quería era escapar da policía e tirou para diante. Foi unha sorte que non levase a ninguén mais por diante a verdade".

Os amigos da vítima insisten en que o condutor non se detivo a prestar axuda, nin se entregou. O mozo atropelado recupérase na súa casa aos poucos.

Noticias web

12/10/2021