CRTVG

Buscar

América vacila entre o combate da pandemia e a reapertura económica

Publicado o 15/05/2020 07:11
América vacila entre o combate da pandemia e a reapertura económica

América, a rexión máis afectada pola pandemia do coronavirus con 1,81 millóns de casos, atópase nun dilema entre a reactivación económica e as medidas para protexerse dunha enfermidade que non cede e que xa levou preto de 300.000 vidas no mundo.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) confirmou máis de 4,24 millóns de casos de COVID-19 en todo o planeta, con 294.046 falecidos, e ratificou o continente americano como a rexión máis afectada polo coronavirus.

Os Estados Unidos seguen nunha reapertura "sen estratexia"

Os Estados Unidos alcanzaron este xoves a cifra de 1.416.528 casos confirmados de COVID-19 e a de 85.813 falecidos, de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins. Este dato indica 26.593 contaxios máis que o mércores e 1.754 novas mortes.

O estado de Nova York mantense como o gran epicentro da pandemia nos Estados Unidos, con 343.051 casos confirmados e 27.607 falecidos, unha cifra parecida á de España e só por baixo do Reino Unido e Italia. Tan só na cidade de Nova York morreron 20.406 persoas.

O gobernador neoiorquino, Andrew Cuomo, destacou que por terceiro día consecutivo a cifra baixa de 200 e apuntou que o número de hospitalizacións se mantén estable, cun lixeiro repunte de catro casos. As intubacións tamén se reduciron.

De igual forma, o gobernador de Florida, Ron DeSantis, anunciou que Miami-Dade e Broward, os dous condados máis afectados pola COVID-19 no estado, que acumula máis de 43.000 casos, entrarán o vindeiro luns 18 de maio na fase 1 da reapertura económica.

Fronte ás accións independentes dos estados, que xa avanzan cara á volta á normalidade, o doutor Rick Bright, destituído o mes pasado do Departamento de Saúde, cuestionou os pasos do presidente Donald Trump fronte á pandemia, ao advertir que se necesita "unha estratexia" e atender as recomendacións dos expertos para evitar "un número ilimitado de mortes".

Trump dixo que está "aberto" á aprobación dun novo conxunto de medidas de estímulo económico para combater a crise da COVID-19, pero rexeita de plano o plan presentado polos demócratas, que inclúe axudas aos inmigrantes indocumentados.

Bolsonaro blíndase e trata de "absurdo" o illamento

No Brasil, o presidente Jair Bolsonaro blindouse de futuros ataques e asinou este xoves unha medida provisional que exime os funcionarios públicos de responsabilidade nas esferas "civil e administrativa" en caso de equivocacións no combate ao coronavirus.

Así mesmo, o mandatario cualificou como "absurdas" as medidas de illamento social adoptadas polos gobernadores do país para conter o avance do coronavirus e dixo estar "listo" para conversar sobre a apertura nun país que, con máis de 13.000 mortos, é o epicentro latinoamericano da pandemia.

Bolsonaro fixo un "apelo" para que os gobernadores "revisen esas políticas", porque, segundo considerou, "centenas de máis vidas" serán perdidas "por mor desas medidas de pechar todo".

Mentres, o seu veciño Alberto Fernández, presidente da Arxentina, país que reporta 344 falecementos e 6.879 contaxiados, logrou conter polo momento a epidemia de coronavirus cunha estratexia de priorizar a saúde a pesar da recesión económica.

O peor día para os chilenos, e O Perú segue batallando

En Chile, o cuarto país de Latinoamérica con maior cantidade de contaxios, uns 37.040 segundo a Universidade Johns Hopkins, as autoridades informaron de que nas últimas 24 horas rexistraron o falecemento de 22 persoas por coronavirus, a cifra máis alta de decesos relacionados coa enfermidade desde o seu inicio o pasado 3 de marzo.

O presidente do Perú, Martín Vizcarra, ordenou avaliar e reorganizar de maneira urxente de 36 mercados de Lima, e os primeiros resultados mostraron que todos teñen nos seus postos portadores do coronavirus e nalgúns casos nunha proporción e concentración alarmante, como no Mercado Almacenista de Froitas de Lima, onde o 80 % dos comerciantes deu o mércores positivo por COVID-19.

Os preocupantes números dese mercado confirmaron o distrito de La Victoria á cabeza da media por habitantes de casos de COVID-19 en Lima, onde se concentran case 50.000 contaxiados, o 65 % dos máis de 76.000 nacionais.

A rexión observa a Nicaragua

Nicaragua, onde segundo o Goberno hai só 25 casos, que inclúen oito mortos, contabiliza polo menos 1.003 contaxios e 188 falecementos segundo o independente Observatorio Cidadán COVID-19.

A negación do Executivo nicaraguano a recoñecer a pandemia preocupa aos centroamericanos, o cal levou este xoves ao Congreso de Costa Rica a solicitar á Organización Panamericana da Saúde (OPS) que realice unha avaliación externa sobre o estado real da pandemia nese país ante os "riscos" que pode representar para os países veciños.

Precisamente en Costa Rica, as autoridades informaron da detección de catro casos de COVID-19 en persoas repatriadas desde España e de nove nun centro de detención de migrantes no centro do país, onde xa hai 830 casos positivos e oito falecidos.

Pola súa banda, as autoridades de Honduras reportaron o falecemento de dúas persoas e o contaxio de 23 máis nun asilo de anciáns, e o Parlamento aprobou unha lei que autoriza a repatriación de hondureños falecidos no estranxeiro pola COVID-19. En total no país xa se rexistran 2.255 casos e 123 falecidos. 

A ONU prepara un gran cumio virtual

As cifras da OMS levaron este xoves a Nacións Unidas a anunciar que estuda alternativas, incluída un gran cumio virtual, para poder realizar en setembro a reunión anual de líderes internacionais na Asemblea Xeral, no medio do seu 75 aniversario.

Polo momento a organización non tomou ningunha decisión, pero varias fontes diplomáticas consultadas por Efe consideraron imposible realizar no formato habitual unha cita que cada ano reúne en Nova York preto de 200 xefes de Estado e de Goberno e miles de diplomáticos.