CRTVG

Buscar

Alumnos galegos seguen retidos no hotel malia daren negativo nas probas

Publicado o 29/06/2021 15:41

María Moreira, alumna galega retida en Mallorca: "Perdón, podemos parar? É que dei negativo, demos negativo. E que levamos días esperando. Vou chorar".

Con esta boa nova, co resultado negativo da PCR, empezou a nosa conversa con María. Ela forma parte do grupo de alumnos do instituto de Terra de Soneira de Vimianzo que seguen en Mallorca. O megagromo sorprendeunos na viaxe de fin de curso cando levaban pouco na illa.

"O venres fomos a unha cala e o sábado a unha praia. Non tivemos contacto con niguén. Non fomos a ningún festival nin nada. Pola noite, fomos tomar algo e ao chegar atopamos dous gardas civís no hotel. Dixeron que tiñamos que estar confinados e ir ao hotel-covid".

En principio, querían evitar ir ao hotel-covid, pero non lles deixaron moitas opcións. Así que chegaron alí, fixeron a proba de antíxenos e deron negativo, malia isto quedaron igual retidos, segundo denuncian, sen información ningunha.

"Sen información e sen nada, sen ningún motivo para estar aquí, cos nosos datos sen consentimento por aí, por todas partes".

Non entenden por que alumnos galegos que viaxaron con outras compañías si puideron regresar á casa e eles non.

"Fomos discriminados por estaren na nosa empresa porque os da outra empresa que viñeron con nós o mesmo día, no mesmo avión, no mesmo hotel, que fixeron exactamente o mesmo acaban de coller o voo e fan a PCR en Galicia".

Os pais destes alumnos xa se uniron para intentar solucionar esta situación. Agardan que os seus fillos poidan volver axiña e que isto remate con boas novas, do mesmo xeito que comezou a nosa conversa con María.

Noticias web

29/06/2021