CRTVG

Buscar

Alumnos aprenden o sistema produtivo leiteiro de Irlanda

Publicado o 25/03/2019 17:38

Estamos no condado de Cork, ao sur da illa de Irlanda, a rexión máis leiteira deste país, que ten na gandería de leite a súa principal actividade agraria, como Galicia. Acompañamos un grupo de  profesores e pais da Escola Agraria de Fonteboa, en Coristanco, que viñeron supervisar as prácticas de formación que 11 rapazas e rapaces galegos están a facer en varias granxas desta zona ao abeiro do programa europeo Erasmus Plus. Un xeito de coñecer outras culturas e outros sistemas de produción distintos dos que se adoitan empregar na nosa terra.

Son alumnos do ciclo superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal, como Andrea, do lugar de Tebra, en Tomiño.  

Andrea Buj, estudante de prácticas en Irlanda: "Gústame muxir, limpar, aprendo moito, axudo tamén nalgún parto, que é moi bonito, non sei, todo diferente, e encántame".

Están a coñecer o sistema leiteiro irlandés, baseado no pastoreo, o que reduce moito os custos de produción, coma na granxa onde está Nerea, de Moeche. 

Nerea Aneiros, estudante de prácticas en Irlanda: "Quixen vir por ver outros sistemas distintos, xa que aquí, a verdade, o pastoreo é o que predomina e agora mesmo creo que en Galicia se está tirando demasiado cara ao intensivo".

Un xeito de traballar do que sacar leccións para trasladar á nosa terra.

Raúl Varela, estudante de prácticas en Irlanda: "Pasar a animais máis rústicos, non centrarse tanto en leite, conseguir algo máis de calidades, reducir os custos de produción...".

Irlanda é o país da Unión Europea onde máis está a medrar a produción leiteira, da que o 90 por cento vai á exportación.

Noticias web

25/03/2019