Alugueiro de piscinas entre particulares, unha modalidade en alza en tempos de coronavirus
A pandemia está a espertar o interese por unha modalidade de ocio ata agora practicamente descoñecida en Galicia: o alugueiro por horas de piscinas entre particulares. Esta tarde achegámonos a unha, preto da Coruña, para recoller as impresións dos usuarios e do propietario.
Zeltia e a súa familia abren a porta a unha tarde na piscina para eles sós. Viven nun piso e non dispoñen de piscina, pero deron coa solución: unha aplicación que as ofrece en alugueiro por horas.
Neste caso, o alugueiro pon a disposición dos usuarios, en primeiro lugar, a piscina, pero tamén o espazo exterior da casa e o mobiliario: cadeiras, hamacas, mesa e unha barbacoa, por se se animan a facer comida á brasa.
Aquí están totalmente sós. O propietario mesmo automatizou a entrada para o acceso dos clientes. Leva dous veráns na plataforma de alugamento, pero polas circunstancias que vivimos, é este en que está notando o interese do público.
Nestes momentos, a plataforma a través da que se aluga esta piscina conta con menos de media ducia de ofertas en Galicia, pero quizais esteamos ante unha novidade en alza.