Alugar unha piscina particular, unha nova opción de baño tamén dispoñible en Galicia
A estas alturas do verán as piscinas seguen sendo un ben cotizado e a súa demanda non deixa de crecer. Por iso xorden en Internet plataformas para alugar piscinas de particulares.
Son alugueiros por horas e ofrecen protocolos de hixiene para bañarse con seguridade. En Galicia xa hai 5 piscinas que se suman a esta iniciativa.
Fomos ata unha das piscinas que se poden alugar en Galicia a través dunha plataforma de Internet. Os seus propietarios que non a usaban moito decidiron que había que rentabilizala. Así que se sumaron á plataforma de alugueiro. Reserva e pago todo pola Rede.
Os prezos oscilan entre 15 e 20 euros por persoa e media xornada, unha opción sobre todo para familias ou grupos de amigos. Usuarios que buscan privacidade e tamén garantías de hixiene e desinfección.
Na plataforma de Internet aparece a descrición da piscina, a cantidade de xente que pode acudir, os prezos e tamén os extras dos que se poden aproveitar os usuarios.
Esta iniciativa que naceu en Francia chegou a España hai un ano e a ela sumáronse xa 200 piscinas de particulares e hai rexistrados uns dous mil usuarios. O negocio en principio ten perspectivas de crecer.