Alta cociña e sabores atlánticos no Fórum Gastronómico da Coruña
Os mellores chefs emerxentes presentaron as súas propostas culinarias para competir polo premio ao Cociñeiro 2019 Fórum Gastronómico. Todos coinciden na súa aposta pola cociña sostible e polos produtos de proximidade.
O Fórum chega por cuarta vez á Coruña, nesta ocasión coa maior participación da súa historia. Máis de duascentas empresas do sector están nesta cita imprescindible para os profesionais do mundo da gastronomía.
Serán tres días de propostas con sabor. Haberá talleres, catas, degustacións e exhibicións de cociña en directo. A cociña e a despensa galegas serán as grandes protagonistas, pero polo Fórum pasarán chefs de toda España e doutros países europeos.
A organización calcula que o Fórum Gastronómico recibirá ata o próximo martes ao redor de 25.000 visitantes.