CRTVG

Buscar

Almuíña chama a consensuar o modelo de Atención Primaria entre as críticas da oposición

Publicado o 12/03/2019 15:08

Apelación ao diálogo do conselleiro de Sanidade no Parlamento. Almuíña tende a man aos profesionais para chegar a acordos. Chama a todos ao consenso para pactar o plan de reforma do modelo de Atención Primaria.

E salienta que van triplicar o orzamento para dotación dos centros de saúde. Destinaranse 17 millóns de euros.

A Consellería de Sanidade leva máis de dous meses traballando nun novo modelo de Atención Primaria. Esta mañá estivo o conselleiro no Parlamento debatendo cos grupos.

Pois están de acordo en que discrepan de case todo. Vázquez Almuíña explicou como van eses traballos para conseguir un novo modelo de Atención Primaria, necesario porque o envellecemento da poboación esixe cambios. Ademais, precísanse máis médicos. Niso concordaron todos. Os grupos da oposición din que aínda hai moitos colectivos profesionais en contra, e que o modelo que se está a presentar non ten recursos económicos suficientes.

Memoria histórica

Esta mañá tamén se votou no Parlamento de Galicia a admisión a trámite da lei galega de memoria histórica presentada polo BNG. A proposición de lei, que incluía medidas para reparación das vítimas franquistas, a exhumación dos asasinados durante a ditadura e a recuperación dos bens expoliados,  foi rexeitada polo grupo popular. Din que a proposta ten erros flagrantes e entenden que  único que busca o BNG é fomentar a crispación social con fins electorais. En Marea e o PSdeG apoiaron a admisión a trámite da proposición de lei. 

Noticias web

12/03/2019