CRTVG

Buscar

Alivio para os guías turísticos: amplíanse os grupos para as visitas

Publicado o 31/05/2021 15:08

Os guías turísticos puideron volver ao traballo en marzo, pero fixérono nunha situación comprometida. "Só podíamos traballar con oito persoas na rúa e con catro no interior, era inviable", afirma Tommi Alvarellos, presidente da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia. 

Levaban tempo reclamando un alivio, que por fin chegou: xa poden xuntar grupos de ata vinte persoas en exteriores e dez en interiores.

"Estamos contentos porque podemos ir con vinte clientes pola rúa", di Alvarellos, pero engade que "seguen sen entender" por que cando entran nun lugar pechado teñen que "dividir o grupo en dous". 

Di que a ampliación das cotas en interiores vai ser a súa seguinte teima, porque a súa é "unha actividade segura" e con todos os protocolos sanitarios, tanto que mesmo son exemplo en Europa. "O protocolo de guías de turismo para toda a Unión Europea é o modelo galego, que se traduciu a todos os idiomas", explica. 

A ampliación dos grupos dálles aire sobre todo para preparar o outono, a súa tempada alta, cando chega a Galicia o groso do turismo cultural e de natureza.

Noticias web

31/05/2021