Algúns voos internacionais impiden embarcar a quen leva test de antíxenos en galego
Os pasaxeiros afectados descubriron o problema no aeroporto, ao chegar á porta de embarque. Tras presentaren o seu test de antíxenos en galego, dixéronlles que non era válido para viaxar a determinados países. Algúns puxéronse en contacto coa farmacia onde fixeran a proba na busca dunha solución de urxencia.
Rafael Leyes Vence, farmacéutico: "A nosa sorpresa era cando nos chamaban desde a porta de embarque dicindo que non o admitían, que tiña que ser en castelán. Para axudar o cliente, emitiámolo en castelán e mesmo tivemos que envialo por WhatsApp".
Os resultados dos tests de antíxenos de farmacia, que por defecto se emiten en galego, non están pensados para viaxar.
Pero o problema non foi o tipo de proba, senón que o documento estaba en galego. Isto afectou a varios viaxeiros con destinos diferentes.
Rafael Leyes Vence, farmacéutico: "Tivemos polo menos media ducia de casos de diferentes países: Ilalia, Alemaña, Rusia... Do Reino Unido, polo menos, tres".
Case todos conseguiron embarcar, grazas á axuda dos farmacéuticos e só cando lles chegou o certificado en castelán.