CRTVG

Buscar

Novas restricións en varios países europeos pola expansión da variante delta

Publicado o 20/06/2021 21:27

Se hai unhas semanas os países europeos apuraban as vacinacións coa vista posta nun verán no que se puidese viaxar entre fronteiras, deixar de usar máscara e eliminar as restricións sociais, nos últimos días a preocupación pola expansión da variante delta freou as medidas de desescalada e levou as Administracións á prudencia ante a capacidade de contaxio desta variante, que está xa en 70 países e que no Reino Unido supón máis dun 90 % de prevalencia. Neste país os contaxios seguen subindo, con máis de 10.000 casos diarios, e a fase final da desescalada, que debía empezar mañá, xa foi atrasada catro semanas. En Rusia tamén se dispararon os contaxios esta fin de semana o que obrigou a tomar novas medidas nos eventos públicos.

Tamén Portugal deu un paso atrás e a área perimetral de Lisboa estivo pechada desde este venres ata mañá, luns, para evitar o movemento de cidadáns e o aumento da incidencia desta variante do virus que xa é a dominante na rexión.

Incluso aqueles países que desenvolveron un programa rápido de vacinación, como Israel, recuaron estes días en medidas como a retirada das máscaras. Despois de detectárense gromos en varias escolas, o Ministerio de Saúde do país volveu regular o seu uso tanto en exteriores coma interiores de centros educativos dalgunhas zonas.

O Goberno belga, seguindo as medidas xa impostas por Alemaña, incluíu tamén o Reino Unido na súa listaxe de 27 países vetados na entrada de viaxeiros a partir da próxima fin de semana.

E mentres volve imperar a cautela, todos estes países apuran agora a segunda dose da vacinación nos maiores de 60 anos, que poderían ser os máis afectados con este avance do virus.


 

Noticias web

20/06/2021