A Xunta asegura que o Concello incumpriu a Lei de espectáculos co Marisquiño
A Xunta defende a Lei de espectáculos de Galicia e atribúe o sinistro do Marisquiño a un incumprimento da mesma por parte do Concello de Vigo. Esta foi unha das principais conclusións que expuxo o vicepresidente da Xunta na súa comparecencia na comisión de investigación que se está a desenvolver na cámara galega. Rueda fixo fincapé en que o evento se celebrou sen licenza.
O vicepresidente da Xunta tamén criticou a falta de colaboración do Concello de Vigo co 112. Para mellorar a seguridade neste tipo de eventos multitudinarios, a Xunta avanzou que a partir de agora será obrigatorio convocar unha xunta local de seguridade en que estea presente o Goberno galego, esixir un posto de mando avanzado e controis de acollida, incluír no Plan de emerxencia de Galicia un plan de comunicación ou que sexa obrigatorio rexistrar os plans de autoprotección na Dirección Xeral do Interior.