CRTVG

Buscar

Alertan dunha posible fraude nas vendas por Internet

Publicado o 14/04/2020 14:28

Mari Carme aproveitou a corentena para confeccionar ducias de pezas de bebé á man e púxoas á venda en Internet. A súa sorpresa foi cando aos poucos minutos contactaron con ela varias clientes, todas con correo electrónico e identidades de Francia, interesándose polos seus produtos. Algún lote superaba os 200 euros. Como método de pago propóñenlle a empresa de mensaxeria DHL, pero Mari Carme empeza a sospeitar cando lle piden datos bancarios.

"Cal foi a nosa sorpresa cando subimos nestes festivos e xa empezaron a entrar correos preguntando se aínda estaban á venda, canto custaban, claro, eu contenta, desfacíame de todo. Pero o problema chegou cando nos dixeron que a través de DHL nos facían o pago e no momento en que recibiramos o pago, que pasaban recoller os paquetes. Pero cando os de supostamente DHL se puxeron en contacto comigo, enviáronme un correo, pois xa pedían o número de tarxeta e os díxitos de seguridade que ten por detrás. Entón iso xa me escamou un pouco e en vez de darlle a tarxeta que usamos normalmente, démoslle outra que ten límite para que se accedían non puidesen sacar máis de 10 euros. Pero dixeron que como esa tarxeta non estaba asociada ao correo, ou non sei se esa foi a razón ou foi outra, que lles tiña que dar outra".

Mari Carme chamou á empresa de transportes e confirmáronlle as súas sospeitas. Estivo a piques de ser vítima dun calote. A empresa xa advirte na súa páxina web do uso fraudulento da marca en correos electrónicos. Aclara que non intervén en transaccións de cartos, que non os transporta e tampouco é intermediario nin depositario de compravendas.

"Hoxe pola mañá chamei a DHL e comenteilles o que me pasara e que me pedían o número de tarxeta, e xa me dixeron que non lles seguise a corrente, que iso era unha estafa, que pasara deles e que non me molestase en contestarlles, porque xa lles chegaran noticias de máis xente".

Cando finalice o confinamento, Mari Carme presentará a correspondente denuncia na comisaría.

Noticias web

14/04/2020