CRTVG

Buscar

Alertan dos riscos dun fortalecedor de mandíbula viralizado nas redes sociais

Publicado o 15/04/2021 14:31

Unha nova moda que se está viralizando nas redes sociais trae de cabeza os especialistas: unha bóla de silicona que se distribúe co nome de Jaw Trainer, adestrador de mandíbulas, e que, como adoita acontecer con esta clase de produtos milagre, promete atractivos cambios estéticos a base de exercicios con ese aparello. Algo que, á parte da dubidosa efectividade, pode resultar prexudicial. Especialistas en odontoloxía e cirurxía maxilofacial advirten de posibles lesións por un uso excesivo ou inadecuado.

"Pero que ten na boca? Pero iso que é?", pregunta un mozo.

É unha das novas modas difundidas por redes sociais, viralizada en TikTok.

"Como que están adestrando a boca, non sei moi ben para que", sinala unha moza.

Supostamente, para fortalecer a mandíbula. Acompañan imaxes do antes e o despois como demostración dos milagreiros efectos.

"Pode ser que funcione, non sei. Eu non o faría, para nada". "Se o fan os maiores, ao final tamén o farán os críos. Paréceme absurdo, ata parvo". "Surrealista, non lle vexo sentido", comentan varias persoas.

Surrealista, absurdo e tamén prexudicial. Pode causar lesións na articulación que une a mandíbula co resto do cráneo.

Juan Carlos Pérez Varela, presidente da Sociedade Española de Ortodoncia: "Aquí vedes que hai un óso, unido cun disco articular, e a base de abrir e pechar constantemente, produce un dano na articulación que pode producir dor nos oídos, no pescozo... e mesmo dificultade para abrir e pechar a boca".

Por non falar dos cuestionables resultados estéticos dos que presumen os seus defensores.

Noticias web

15/04/2021