CRTVG

Buscar

Alerta da ONU: os efectos do cambio climático serán irreversibles durante milenios

Publicado o 09/08/2021 10:34

• Responsabiliza o ser humano do aumento dos fenómenos extremos

Alerta da ONU: os efectos do cambio climático serán irreversibles durante milenios
EFE


O Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático ( IPCC) responsabilizou os seres humanos de que o cambio climático estea a afectar a todas as rexións habitadas do mundo e provocando que os fenómenos meteorolóxicos extremos, como ondas de calor, fortes precipitacións, secas e ciclóns tropicais, se volvan máis frecuentes. Así o pon de manifesto o sexto Informe de Avaliación sobre Cambio Climático.

Se se mantén o actual ritmo de emisións de gases de efecto invernadoiro, a temperatura global aumentará 2,7 graos a finais de século con respecto á media da era preindustrial, advirten os expertos. 

Este aumento, que suporía tamén maiores eventos climáticos extremos tales como secas, inundacións e ondas de calor, estaría lonxe do obxectivo de menos de 2 graos fixado polo Acordo de París, que recomendaba limitar esa subida a 1,5 graos centígrados.

O novo informe da principal institución que estuda o cambio climático, atrasado varios meses debido á pandemia da covid-19 e primeiro nos seus 30 anos de historia que o IPCC tivo que revisar e aprobar mediante conferencia virtual, considera cinco escenarios, dependendo do nivel de emisións que se alcance. Manter a actual situación, en que a temperatura global é como media 1,1 graos máis alta que no período preindustrial (1850-1900), non sería suficiente: os científicos prevén que con iso se alcanzaría unha alza de 1,5 graos en 2040, de 2 graos en 2060 e de 2,7 en 2100.

No escenario máis pesimista, onde as emisións de dióxido de carbono e outros gases de efecto invernadoiro se dobrarían a mediados de século, o aumento podería alcanzar niveis catastróficos de arredor de 4 graos en 2100, alerta o informe. Cada grao de aumento podería supoñer un 7 % máis de precipitacións no mundo, polo que podería supoñer un aumento de tormentas, inundacións e outros desastres naturais, advirte o IPCC. As ondas de calor extrema, que en época preindustrial ocorrían aproximadamente unha vez por década e actualmente ocorren 2,3 veces, poderían multiplicarse ata 9,4 veces por década (case una por ano) nun escenario con 4 graos máis de temperatura.

Pola contra, na hipótese máis óptima considerada polo informe, aquela en que se alcanza a neutralidade de carbono (emisións netas cero) a metade de século, o aumento de temperatura sería de 1,5 graos en 2040, 1,6 graos en 2060 e mesmo baixaría a 1,4 graos a final de século.

O estudo, elaborado por 234 autores de 66 países, recoñece que a redución de emisións non tería efectos discernibles na temperatura global ata pasadas unhas dúas décadas, aínda que os beneficios na contaminación atmosférica notaríanse antes, en cuestión de poucos anos. 

Moitos efectos do quecemento global, especialmente nos océanos e as zonas polares, "son irreversibles para os próximos séculos ou milenios", advirten. O informe predí, por exemplo, que o nivel do mar seguirá aumentando irremediablemente, entre 28 e 55 centímetros a finais de século con respecto aos niveis actuais, incluso logrando emisións netas cero (e no caso de que se dobren as actuais emisións, a suba podería chegar aos 1,8 metros). A moi longo prazo, o nivel do mar subirá entre dous e tres metros nos próximos 2.000 anos se o quecemento global mantense en 1,5 graos como propón o Acordo de París, pero poderían superarse os 20 metros cunha suba de 5 graos.

O novo documento do IPCC indica ademais que os glaciares de montaña e nos polos van seguir derretíndose durante décadas ou mesmo séculos, de forma máis pronunciada no hemisferio norte que no sur. Tamén vaticina cambios irreversibles a escala de miles de anos na temperatura, acidificación e desoxixenación dos océanos, onde o quecemento global foi lixeiramente menor (0,88 graos respecto a éraa preindustrial) que en terra firme (1,59 graos). 

Noticias web

09/08/2021